Cole do rural de Lucía Rodríguez Fernández.
Hoxe na campaña #somosrural que dende a Confederación ANPAS GALEGAS estamos levando a cabo para agradecer a implicación da xente da cultura na defensa do rural deixamosvos unha publicación de Lucía Rodríguez Fernández unha estudante de publicidade e relacións públicas orgullosa das súas raíces e que sempre presume de ser de Navia.
Cole do rural
O maior privilexio que tiven ao longo da miña vida foi o de ser criada no mundo rural. Medrar rodeada de natureza, das árbores centenarias, do piar dos paxariños e do contacto cos animais é o mellor agasallo para calquera neno ou nena. Vivir acompañada dos avós, dos seus valores e das súas historias é quizais a experiencia máis enriquecedora nos meus 21 anos de vida.
Pero vivir no rural non é fácil, os pais tiveron que renunciar a moitas cousas por quedarse aquí. Renunciaron a unha vida na cidade, máis sinxela e con máis oportunidades, por darnos unha infancia e unha crianza de mellor calidade.
Todo isto non sería posible se non houbese unha escola en Navia. Nela aprendín case todo o que sei hoxe. Ensináronme a ser unha persoa libre, a fixarme nos pequenos detalles e sobre todo, a valorar o noso. Quizais a mellor ensinanza que me deron nesas aulas foi a de amar a miña terra por encima de tódalas cousas e levala comigo a tódolos lugares aos que fun. O cole de Navia sempre formará parte do meu corazón xa que os primeiros recordos que teño son nel. Cantas bágoas derramei cando marchei!
Outro valor engadido do meu cole é o coidado que fan da tradición e da cultura de Navia. Fixeron moitos traballos de investigación e publicaron varios libros de fotos antigas, de palabras que só se usan na zona e de construcións típicas dos Ancares.
Agora xa case non hai nenos, a situación é máis difícil que fai 20 anos e a xente segue marchando en busca dun futuro mellor pero aínda hai quen se queda e quere unha vida aquí. Que as escolas sigan abertas e que siga habendo actividades conxuntas entre os concellos limítrofes paréceme algo básico para crear lazos de amizade e apoio entre todos e tamén, é o mellor xeito de estarmos máis unidos.
Se me poño un pouco máis nostálxica penso en tódalas escolas unitarias, caendo, que hai esparcidas polos pobos. Poderían ser un espazo de reunión e entretemento para os poucos veciños que quedan. Sería unha boa forma de manter a memoria do que algún día foron e de todo o que se aprendeu entre as súas paredes.
Lucía Rodríguez Fernández.
(Lucía de Salgueiras)