Gromos verdes
Agradecemos a colaboración de Toño Núñez, mestre xubilado e labrego de palabra, na nosa campaña da defensa e revalorización da vida no rural galego co seguinte texto.
Gromos verdes
Da mesma maneira que as nosas letras atravesaron os “Séculos escuros” do s. XV ó s. XVIII, o noso rural, máis ou menos, padeceu as súas ”Décadas escuras”, fundamentalmente, da década do 60 á do 80 do pasado século. A emigración anterior a ultramar, aínda que masiva tamén, non chegara a deixar despoboado o rural, como aconteceu nestas décadas.
Industrialización asentada en determinados focos urbanos escollidos atendendo a uns intereses moi concretos, enorme natalidade e superpoboación, atraso económico, cambio radical nas formas de vida e de explotación agropecuaria, desleixo político-administrativo, mimetismo como característica esencial do comportamento humano… puideron ser algúns dos factores decisivos para que tal movemento migratorio de transcendentais consecuencias se producise. O abandono das terras e dunha forma de produción agraria e gandeira caducas, o despoboamento, o desarraigo (especialmente a partir da segunda xeración)… serían algunhas das consecuencias máis significativas.
A min tocoume vivir o paso dos fachos e da luz de candil á luz eléctrica e ás lanternas; dos arados de pau, ou de ferro, ó tractor; do cantar engaiolante dos carros ó cantar rouco e afumado dos Pascualín; da sella de madeira e do caldeiro de cinc á auga encanada e ós recipientes de plástico; do guindastre, da gramalleira e do pote ás cociñas bilbaínas e de butano; das follas de figueira, verzas ou fentos ó papel hixiénico, pasando polo papel de periódico… Da polavila, sen radio e con radio, á chegada da televisión; dos contos de lobos e de trasnos ó pé do lume ás lendas urbanas que aseguraban que no Corte Inglés de Barcelona desaparecera unha moza da zona e que fora secuestrada para extirparlle os órganos e traficar con eles; dos camiños tradicionais ás pistas, primeiro de terra e despois alcatranadas; das feiras ateigadas de xente e de animais, con centos de tratos de diversas clases de gando, ás feiras de postos de roupa e calzado, de plantas de verdura e de “xantar o polbo”; das festas multitudinarias dende a mañá á noite á praza chea só pola noite e se actúa unha orquestra de sona, pasando por anos de decadencia absoluta do interese polas orquestras e dunha moda efémera das discotecas; dos cantos de traballo, de celebración e de taberna ó magnetófono, e ó silencio… Das catro vacas por casa ás explotacións gandeiras que posúen máis cabezas de gando que antes unha aldea enteira…. Da paulatina desaparición das escolas unitarias á chegada das concentracións ou grupos escolares. Tamén, dos tempos en que ser da aldea era un estigma, ó presente, en que ser da aldea xa mola.
E vin como a montaña en particular e o rural en xeral ían quedando baleiros; ou poboados, case en exclusiva, por avoas e avós. Como as leiras, prados e barbeitos ían mudando a terra brava a toxos, xestas e silveiras, substituídas pouco a pouco por árbores diversas; como a natureza ía engulindo as terras de labranza da mandorla aldeá, ameazando mesmo as casas e, nalgúns casos, medrando entre as súas paredes esquecidas. E vin como nos primeiros e mediados de xullo e de agosto daqueles anos chegaban á vila de Navia unha ducia de autocares de varias empresas cargados de emigrantes desas décadas escuras que traballaban todo o ano, dobrando quendas incluso, coa esperanza de volveren ás súas casas natais un mes de vacacións. Algo máis adiante, os autocares entraron en decadencia e os coches familiares deron en xeneralizarse. E había máis concentracións de taxis de cores negra e amarela por quilómetro cadrado nas festas e feiras de Navia no verán ca en Hospitalet. Corrían o carto e a alegría. As rapazas “catalás” parecían todas actrices de cine, supoño que os rapaces parecerían actores… Despois, a segunda xeración deu, pouco a pouco, en escoller as praias como destino vacacional, agás casos minoritarios. E a terceira…
Sendo dese tempo, desa xeración ponte, e vivindo todo isto, durante anos fun enormemente pesimista, moi pesimista. Vía moi claro que o rural, especialmente a montaña, estaba condenado a desaparecer. As estatísticas referidas á poboación e as expectativas non me deixaban ver outra paisaxe á volta de poucas décadas que non fose a selva continua. A escasísima xente nova que nacía no rural seguía marchando irremediablemente. Primeiro, para formarse e, despois, para exercer a súa profesión, case sempre, lonxe. Noutros casos, mozas e mozos do rural que non estudaran preferían traballar nas cidades, por mil euros ou menos, que quedar na aldea. Traballos con horarios regulados, vacacións, máis posibilidades para formar os fillos, socialización, ocio, mimetismo… serían algunhas das variables que seguían empuxando a mocidade a procurar mellor vida nos grandes núcleos de poboación.
Este pesimismo reflectino, inevitablemente, na miña humilde obra. Hai cinco anos tan só, non podía imaxinar outra saída que non fose a derrota. Pero, “Tras de tempos, tempos veñen”, di un refrán popular. E, mira ti por onde, comecei a ver luces de esperanza no medio da noite pecha. As cidades, noutrora sedutoras, deron en saturárense e en volvérense inhumanas, insoportables; as vilas e as aldeas, pola contra, ofrecen uns ritmos e unhas condicións de vida moito máis amables; a revolución tecnolóxica e a aldea global trouxeron e posibilitaron novas formas de traballo que lles permiten ás persoas realizaren as súas funcións a miles de quilómetros da empresa ou fábrica para a que traballan; a mellora na formación e na concienciación ecoloxista da poboación deron como resultado un notable incremento de homes e mulleres que escollen vivir dunha maneira máis natural e en contacto e harmonía coa natureza… Así, comecei a descubrir a mozas e mozos, incluso con carreiras universitarias, que decidiron apostar polo rural e emprenderon proxectos de futuro sólidos e prometedores no mesmo. Dende logo, a día de hoxe, estatisticamente, son aínda unha enorme minoría; pero estou convencido de que se está producindo un cambio de tendencia. Da mesma maneira que houbo uns arroutados pioneiros que iniciaron a riada humana do rural ás cidades, percibo sinais evidentes de que imos cara a un reequilibrio poboacional. O rural nunca volverá ser o que foi e como foi, evidentemente. Todo muda, todo flúe. Aquel rural superpoboado, con elevado índice de analfabetismo e atraso xeraba fame e miseria, xeraba moitas vítimas. A fuxida foi, pois, a única saída. Agora, as cidades están a rebentar, se non rebentaron xa; entón, pouco a pouco, terán que ir alixeirándose. E, outra vez, son, principalmente, as persoas con máis iniciativa, e non sempre as que máis o necesitan, as que están dando os primeiros pasos; como en todo fenómeno migratorio. Igual me equivoco, pero creo que hai evidencias suficientes para alimentar a esperanza.
Certamente, onde se dan as mellores condicións de vida na actualidade? Sen lugar a dúbidas, no rural. Se analizamos variables como vivenda, calidade do traballo, saúde física e mental, socialización, entorno, mesmo as posibilidades de ocio, o rural sae moi ben parado. Quizais a atención sanitaria sexa a área que máis melloras precisa; pero a educación é máis personalizada e de maior calidade no rural, cun profesorado máis novo e mellor formado, con ratios moito máis racionais e con contextos socioeconómicos máis favorables. Mesmo, nos últimos estudos, obsérvanse mellores resultados académicos no alumnado rural ca no urbano… Fronte ó analfabetismo e ó atraso doutrora, imos cara a un rural digno, culto e prometedor. Si, hai gromos verdes, hai futuro no rural.
Toño Núñez (agosto de 2020)