A solución é retrasar o inicio do curso, di a Consellaría.
A solución é retrasar o inicio do curso, di a Consellaría.
Que non se podía iniciar o curso en secundaria, bacharelato e FP co desastre organizativo que había montado era un secreto a voces, que a culpa é da consellaría non hai nin que dicilo, porque todo o que leva pasado en educación en Galicia dende o 12 de marzo pasado é culpa da consellaría, precisamente polo que non fixo: non organizou, non respondeu, non planificou, non dialogou, non…, nada , non fixo nada máis que tentar non gastar cartos, costara o que costara non facelo.
Agora veñen a dicirnos que non hai máis remedio. Claro, primeiro non fas nada, e agora dis que non hai nada feito. É un truco moi vello, e moi rastreiro tamén.
Nós estivemos na xuntanza desta mañá co Secretario xeral de educación, xuntanza á que nos convidou con menos de dúas horas para preparala e para organizar axendas, pero estivemos porque era importante. E falamos, e dixémolo claramente: os grupos de convivencia estábel son unha imbecilidade da consellaría, son falsos e non van funcionar; e se non aceptamos estes grupos e pedimos para primaria que se aplique o criterio de distancia de seguridade de 1,5 metros, non imos pasar por menos en secundaria. Tamén dixemos que facía falta moito diálogo pola súa parte, menos reunións “informativas”, e máis xuntanzas de traballo nas que estaremos sempre presentes.
Pero temémonos que poñerán mamparas, xa retrasaron o inicio do curso, farán cursos semipresenciais en bacharelato e ciclos de FP, etc, etc. Pero nós estaremos enfronte, protestando, e defendendo ás nosas fillas e fillos. Porque é a sua seguridade e tamén a nosa.