ASÍ NON SE PODE COMEZAR UN CURSO ESCOLAR
Dende a Confederación Anpas Galegas denunciamos a total falta de operatividade e a irresponsabilidade da Consellería de Educación.
A día de hoxe no que comezan as clases presenciais na etapa de infantil e primaria, os centros escolares están facendo o imposible por adaptarse ás instrucións da Consellería, sen contar con ningún tipo de reforzo e polo tanto sen a posibilidade real de facer desdobres imprescindíbeis para acadar un nivel educativo real.
Seguimos sen ter unha alternativa para o alumnado en risco, ou convivinte con persoas nesa situación, que non pode iniciar o curso dun xeito presencial, e ao que se lle están a pór todo tipo de trabas para garantir a súa saúde e o seu dereito á educación.
Téimase en manter a diferenza de tratamento entre alumnado de primaria e secundaria a efectos da distancia de seguridade, e iso non pode ser negociábel, estamos a falar dun asunto moi grave que é a saúde das nosas fillas e fillos. O tratamento ten que ser o mesmo, ou un neno-a de 11 anos non merece o coidado dun de 12?.
Non temos garantida a imprescindíbel limpeza e desinfección dos centros de ensino, que ten que ser absoluta, porque andan as administracións con liortas de competencias que nada resolven.
Hai unha total descoordinación á hora de interpretar as instrucións, rompendo totalmente o principio de equidade do sistema educativo: así hai centros que están retrasando unilateralmente o comezo co curso para minimizar o impacto da folga, conculcando así o libre exercicio dese dereito; outros están obrigando ás crianzas de infantil a levar posta a máscara todo o día, sen saber diferenciar o que é obrigatorio e o que é recomendábel; outros están obrigando ás familias a entregar depósitos de material -xel e panos desbotábeis – e mesmo cartos, incrementando ilegalmente o custo do que debera ser un ensino gratuíto. E todo isto ocorre pola falta de presenza, e pola insuficiente organización da consellaría de educación.
É precisa unha adaptación curricular que tiña que estar feita hai meses, dende que se cortou o curso pasado e se pretendeu que este curso teña catro trimestres que se van impartir en tres; e tamén é preciso un traballo serio, aínda non iniciado, para que a fenda dixital non volva a converter á nosa xuventude en alumnado de diferentes categorías, segundo onde vivan, o que teñan, ou con quen convivan; porque hai quen fala de ensino virtual, ou semipresencial, cando quedou moi claro no curso pasado que non é unha alternativa real, porque non temos nin a formación nin a infraestrutura para afrontalo con éxito
É preciso centrarse na saúde emocional das alumnas e alumnos, non podemos esquecer todo polo que pasaron nos últimos meses.
A educación non é isto. Xa é hora de comezar a considerala algo prioritario.
Confederación ANPAS GALEGAS.