A ventilación das aulas
Dende a Confederación ANPAS Galegas estamos recibindo numerosas queixas de familias sobre a aplicación das medidas xerais de limpeza nos centros publicadas nas instrucións do 31-08-2020, no que se refire a ventilación.
Segundo se indica nas Instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo consello interterritorial do sistema nacional de saúde pública (DOG no 174 bis do 28-08-2020) e a actualización das recomendacións sanitarias do comité clínico ao protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021, no seu punto 4, cítase:
4.2. Deben de realizarse tarefas de ventilación frecuente nas instalacións, e por espazo de polo menos 15 minutos ao inicio da xornada, durante os recreos e ao finalizar as clases, sempre que sexa posible entre clases, e coas medidas de prevención de accidentes necesarias.
4.2.1. Cando as condiciones meteorolóxicas e do edificio o permitan, manteranse as xanelas abertas o maior tempo posible.
4.2.2. Débese aumentar a subministración de aire fresco e non se debe usar a función de recirculación do aire interior.
4.3. Cando un profesional presta asistencia no mesmo espazo con diferentes alumnos/as de xeito consecutivo (orientador/a, profesor/a especialista, ou calquera outro) ventilarase a aula ou sala polos menos 15 minutos logo de cada sesión.
De todas é sabido que a ventilación é moi importante e imprescindíbel pero, tal e como se indica nas instrucións tamén hai que ter en conta as condicións de estrutura e construción dos edificios xunto coas condicións meteorolóxicas. Considerando que nestes momentos o tempo está a ser frío e chuvioso xa se están notando as primeiras consecuencias no alumnado; xa comeza a ter síntomas que poden ser semellantes a sintomatoloxía do COVID-19 o cal pode dar lugar a confusións e, polo tanto, ausencia de alumnado e/ou activacións de Protocolos.
Non se está a ter en conta as posibles alternativas para a renovación do aire no caso de non poder abrir as fiestras.
Cada centro ten características distintas, téñense que aplicar as instrucións sobre o protocolo en función desa casuística e, xa que non hai normas absolutas, consideramos que non podemos deixar un problema tan grave nas mans dos centros e da vontade das familias. Trátase de aplicar o sentido común e de interpretar correctamente as normas, se temos ventilado o maior tempo posíbel (4.2.1) a consecuencia lóxica é a que o alumnado estea enfermando polo frío.
Polo tanto, esiximos á Consellería de Cultura, Educación e Universidade que:
- dean instrucións e normas claras, concisas e comúns a tódolos centros educativos públicos e /ou,
- proporcione as alternativas precisas para a renovación do aire nas aulas e evite, na medida do posíbel, empeorar a situación do alumnado.