25N
“Eu optei por desaparecer pero o meu irmán non foi quen. Lembro intentar levalo conmigo, que se agochase, quer se fixese invisible…..”
“Quixen volver ficar invisible…..”
“A pregunta é, que queda na muller que son agora daquela nena maltratada que se agochaba na caseta do can………..? Supoño que a invisibilidade…….”
Retazos da historia de Begoña , unha nena vítima de maltrato, do libro Invisibles de Montse Fajar.
Seica é doado atopar datos sobre o número das nenas e nenos vítimas mortais da violencia de xénero, máis é case imposible detectar datos sobre o impacto da violencia de xénero nas crianzas. Son vítimas invisibles da lacra desta sociedade, unha traxedia que non somos quen, nin sequera, de entender e moito menos de resolver.
Para unha nena ou un neno vivir nunha familia onde a nai é maltratada pola súa parella , significa entender o mundo dende un prisma de opresión, control, abuso de poder… medo …e carente de respecto, de cariño, de seguridade que ao fin e ao cabo e o único que precisan as crianzas.
A vida dunha crianza debera consistir en xogar, aprender, crecer… saberse querida, co seu punto de referencia na familia, na casa. O seu refuxio. Onde están as persoas máis importantes do seu mundo, as que a comprenden, as que a consolan, as que a tranquilizan e lle din que todo está ben cando precisa escoitalo , as que a agariman sen límites.
Onde quedou o seu sorriso? Non existe nada máis fermoso ca risa dunha nena ou neno, se non fixádevos no que acontece en calquera lugar cando se oe a risada dunha crianza… todo o mundo sorrí, é inevitable. Semella que sae o sol.
Non sempre é así. Nun fogar onde hai maltrato todo ese mundo que precisan, non existe. Xa non hai refuxio, nin seguridade… todo está estragado, e seguirá así coas súas terribles consecuencias, con todas esas carencias, co mundo derrubándose o seu redor, ese mundo que nin tan sequera os ve.
Non somos quen de ver máis aló da primeira noticia? Non somos quen de protexer todo iso que non se ve e que está máis aló? Realmente son invisibles.
Non deberiamos educar as nosas fillas e fillos para que loiten sempre contra as que queren romper o seu mundo? Contra a invisibilidade das nenas e nenos testemuñas e vítimas indiscutibles da violencia de xénero? Para que non toleren xamais a falta de respecto, a violencia física, o acoso, as humillacións, o control, o abuso de poder en ningures?
Que estamos a facer como nais e pais? E como sociedade? Que estamos a facer no Ensino Público? Que están a facer as docentes, continuadoras e consolidadoras de roles e covardías? Que están a facer as autoridades educativas que non interveñen con currículos de igualdade obrigatorios, e coa vixilancia desa igualdade na transversalidade do ensino? Isto é tarefa de todas.
