Presencialidade – Non presencialidade
Prezado conselleiro,
Andamos estes días recibindo sorprendidas a nova de que a consellaría sacou, sen informarnos, sen deixarnos participar, sen consultarnos, un “Plan de ensino virtual”.
É posíbel que á consellaría de educación se lle escapara un pequeno detalle: en caso de “educación a distancia” ou corentena, somos as familias quen estamos ao cargo directo das nosas fillas e fillos, somos quen sabemos o que ocorre, quen coñecemos o que se necesita, quen necesitamos ser conscientes e defensores das pautas que se empreguen, somos, nese caso, os “mestres e mestras” das nosas fillas e fillos, quen garantimos a normalidade da súa aprendizaxe. Nós estamos dispostas a facelo, obviamente, xa o fixemos de marzo a xuño pasado, pero non estamos dispostas a facelo tal e como outras, que claramente non saben de que están a falar, pretenden deseñalo.
Equivócase nas persoas destinatarias:
Ademais das corentenas e as suspensións da actividade presencial hai outros supostos que deberan estar abeirados nese “plan”:
- Os que teñan síntomas compatíbeis coa COVID-19.
- Os que se atopen en illamento por diagnóstico da COVID-19.
- As persoas en espera do resultado de PCR por sospeita clínica.
- O alumnado que poida ter a condición de vulnerábel.
- O alumnado que padeza enfermidades non relacionadas coa COVID-19.
- As “vítimas” dos diferentes supostos de semipresencialidade en bacharelato.
E a estes casos deberiamos sumar un suposto, aínda non contemplado pero que debera selo, cal é o do alumnado que conviva con persoas vulnerábeis á COVID-19.
Todas estas persoas deberan ter recoñecido, e inmediatamente activado, o dereito a unha formación virtual tutelada e inmediata.
Equivócase na cobertura:
Neste País non hai cobertura dixital en todo o territorio, e vostede e a súa consellaría continúan teimando en dicir que con repartir ordenadores xa está todo resolto; non sabemos se hai xa -como debera haber, de acordo coa súa propia normativa- as listaxes que debera haber, pero si sabemos que esas listaxes no mellor dos casos non falan máis que posesión ou non de ordenadores, e como moito de acceso a internet, ninguén fala de conectividade xeográfica, de formación dixital, de dispoñibilidade espacial para recibir clases en liña, da capacidade de comprensión para ese tipo de ensino, da existencia de profesorado realmente preparado (non eses que viron un titorial de 8 horas, ou tiveron unha formación de urxencia, porque ese, se sabe facelo, chega como moito a enviar escaneadas as mesmas páxinas que antes repartía fisicamente). Xa non falamos de atención á diversidade, que está absolutamente abandonada no mundo dixital. Conselleiro, realmente coñece vostede a realidade deste País ?
E, por favor, que ninguén veña a contarnos que a mocidade ten móbiles, a quen o diga invitámoslle a que estea cinco horas atento a unha clase que lle impartan dende un móbil; e logo, quizais con algo máis de sentidiño, que continúe “deseñando plans”.
Equivócase de deseño:
Todo ese “plan” pretende facer unha copia na casa das aulas presenciais, até teñen a pouca vergoña de falar de “horarios espello”, coma se aquí todo o mundo tivera tantos ordenadores como estudantes na casa, conexións magníficas que soporten a un tempo o teletraballo de nais e pais e o horario espello de todos os fillos-as que poida haber; dispoñibilidade de “aulas” nas casas para que cada quen teña un despacho á súa medida. Na vida ordinaria as nais e pais traballamos mentres as nosas fillas e fillos están na escola, pero se estamos na casa ten que facerse exactamente ao revés, temos que traballar cando as crianzas non traballen para poder estar acompañándoos nesa “virtualidade” que vostede deseña.
Alguén nesa consellaría pensa que podemos sentar a un neno-a de 8 anos diante dun ordenador e dicirlle, “queda aí mirando e atendendo até que acabe dentro de cinco horas”. A quen se lle ocorreu esa parvada maiúscula dos horarios espello ? hai alguén que teña fillos-as entre os “expertos” que fan os plans desa consellaría ?
Equivócanse de atención:
Avaliaremos e controlaremos, ese é o seu plan. Só falta dicir que castigaremos e xulgaremos. Xa se fixo isto tamén no terceiro trimestre do curso pasado, un trimestre que foi UN DESASTRE, non imos cansar de repetilo. E no canto de aprender que con ese deseño só favorecemos a aquel alumnado que non necesita apoios porque xa os trae de seu, pretenden repetilo e errar de novo; e por riba decláranse artífices da “blindaxe da equidade”, nunca tan mal se usaron esas palabras.
Estamos en situación de extremo risco sanitario, levamos aí oito meses practicamente e non dámos saído, a sociedade toda está preocupada, temerosa, e necesitada de guía e axuda; o que necesita a xuventude actualmente é acompañamento emocional, “desenvolver a personalidade a través da educación” que é o que di a lei orgánica de educación vixente. Non é momento de controis e avaliacións, é momento de axuda mutua, de utilizar as competencias docentes para axudar a esa xeración de nenos-as e adolescentes que están perdidos-as nesta situación. A aprendizaxe académica é secundaria neste momento, cabe, por suposto, pero dende outro prisma, e con outra intención. Xa avaliaremos máis adiante, e xa veremos que cómpre avaliar.
Conselleiro, falemos, familias, profesorado e consellaría; falemos do real e do posíbel; falemos do que pasou de verdade e do que vai volver a pasar, e deixémonos de facer plans absurdos. Ninguén culpa a ninguén da dificultade do que estamos a vivir, pero si se pode culpar da teimosía en non aprender e non falar.
Un saúdo