Transporte escolar para o alumnado non universitario.
Por que falamos agora de transporte escolar?
O transporte escolar é o gran problema do Ensino Público. Afecta a case todo o alumnado, algo menos ao residente nas áreas máis poboadas das cidades; pero non tanto menos, porque ao final, a caótica política de atribución de prazas escolares da Xunta de Galiza fai que tamén haxa desprazamentos nas cidades, que serían totalmente evitábeis se houber mapas escolares que ordenaran o País por conveniencias pedagóxicas e non por intereses laborais ou económicos.
Pero o primeiro problema do transporte escolar é a súa propia existencia, que falla en moitos casos cando falamos de Ensino non obrigatorio. Pero é que o concepto de obrigatorio hoxe en día é difuso, sabemos que o bacharelato, ou os ciclos de FP non son obrigatorios, pero iso significa que a administración non ten que favorecer a súa oferta?, non son estudos que deben protexerse, universalizarse, facilitarse para toda a poboación galega?
Por iso, e porque a consellaría de educación, nunha máis das súas políticas erráticas ao redor do Ensino Público, non dá resposta ás necesidades do alumnado galego, queremos presentar un estudo da realidade que estamos a vivir, con datos, e tamén con circunstancias, con problemas reais aos que se enfronta a mocidade de poucos anos que ten a sorte de vivir no rural, e a desgraza de que teña que ser nun rural abandonado polos poderes públicos galegos.
E por que falamos moi especialmente do rural galego ?
Todos somos conscientes da importancia de manter vivo o rural , un rural que nas últimas décadas foise esvaendo ata case desaparecer. Isto non é algo gratuíto para ninguén , é bastante preocupante. Estase a perder un modo de vida que é a esencia deste país. Perdemos a paisaxe humana da meirande parte do territorio, mais tamén perdemos ao territorio mesmo: estamos a ver como nos últimos anos ninguén limpa os soutos , nin os camiños, case que non hai gando nos montes, os incendios forestais chegan ás casas e ata as portas das cidades. Pérdense ata as lendas o redor das lareiras. Non hai xente nas aldeas.
Dende as ANPAS do rural desta Confederación levamos anos esixindo unha discriminación positiva para os nosos colexios, baseándonos no dereito á unha educación de calidade para todas as nenas e nenos, pero tamén na seguranza de que un rural beneficiado nas políticas de investimento e conservación é unha riqueza que podemos compartir con todo o Pais, un rural enriquecido é para todas, e ha repercutir en Galiza enteira. Porque defender o rural de todas non é poñernos un traxe tradicional e pensar no bonita e natural que é a vida do campo durante unha festa ou unha foliada, defender o rural de todas e pensar nas oportunidades, nos valores económicos, industriais e marítimos, pensar nun aproveitamento forestal sostíbel, unha política enerxética de futuro, pensar nunha alimentación propia e diferenciada, pensar tamén na convivencia con outras xentes, na presentación orgullosa dun rural como o galego; pensar no rural de todas e pensar nun futuro mellor.
Temos que desterrar dunha vez a idea de que as habitantes do rural somos as desprotexidas, non o somos, somos as que estamos mirando polo país e as que vos proporcionamos o leite, a carne , a verdura, o peixe…E tamén as que conservamos para vós e para nós a nosa paisaxe real, a que viviron os pais e os avós e agora vivimos nós. Conservamos, entre os poucos que somos, o incrible patrimonio arqueolóxico, a música tradicional, o baile, a lingua viva que aínda se fala nos diferentes lugares, e que se mantén con cadansúa varianza e riqueza; e as tradicións, a arquitectura rural, somos quen mantemos viva a cultura nun mundo que agoniza…en definitiva, o modo de vida .
Somos tamén as que vos acollemos sempre encantadas , porque gústanos compartir o que temos, as que vos recordamos que nos tempos tan duros que estamos vivindo, tedes o refuxio no rural.
O estudantado non universitario da zona rural nunca estivo nas mesmas condicións de igualdade co resto do alumnado galego. Foi unha situación que asumimos dende sempre e máis tendo en conta que o ensino é obrigatorio ata os 16 anos ou ata finalizar secundaria, pero que supuxo e supón unha sobrecarga económica importante ás familias. Mais non é só iso, é tamén o feito en moitísimos casos, de ter que mandar á rapazada a vivir lonxe do seu fogar, para que puidesen seguir cos estudos, os mesmos estudos que acabarían coa lóxica desvinculación da súa terra.
Agora vemos o que trae tras si esa desvinculación. Non protexes do mesmo xeito o que non sentes como teu.
Traballemos con datos:
Dos 313 concellos galegos, 54 teñen máis de 10.000 habitantes , en total 1.887.383 . O resto, 782.116 están empadroados nos 259 concellos pequenos.
Na seguinte táboa móstranse os datos correspondentes ao curso 2019-2020:
DATOS DO ALUMNADO (2019-20)
CURSO | GALICIA | A CORUÑA | LUGO | OURENSE | PONTEVEDRA |
3º ESO | 15.791 | 6.759 | 1.685 | 1.385 | 5.962 |
4º ESO | 14.177 | 6.071 | 1.500 | 11.214 | 5.392 |
1ºBAC | 13.465 | 5.447 | 1.532 | 1.175 | 5.311 |
2ºBAC | 12.251 | 5.172 | 1.296 | 1.121 | 4.662 |
PF B | 4.314 | 1.709 | 542 | 390 | 1.673 |
Ciclo Medio | 11.484 | 4.779 | 1.474 | 1.073 | 4.068 |
Ciclo superior | 13.995 | 6.164 | 1.614 | 1.492 | 4.579 |
TOTAL matrículas preuniversitarias | 55.509 | ||||
Total (idades dende 3º ESO semellantes as do IGE) | 84.477 |
DATOS DE POBOACIÓN DE IDADES ENTRE 15-19 (IGE)
Nesta táboa apréciase en vermello a poboación da franxa de idade entre 15 e 19 anos que non está incluída nos grandes concellos. Dentro desta cantidade o alumnado pre-universitario matriculado é 55.509 (sen contar alumnado de centros concertados, privados, educación especial ,PCPI e PGS).
Nota 1.- Non coinciden os datos dos matriculados e da poboación total desa franxa de idade, xa que os datos do IGE veñen por tramos de 5 anos e neste caso non coinciden coa idade de matriculación nas ensinanzas posteriores á ESO).
Nota 2.- Nos grandes concellos é posíbel sacar as estatísticas por idades, pero nos datos totais da provincia non é posíbel facelo.
Tendo en conta as idades semellantes á franxa do IGE que corresponderían ao alumnado de 3º de ESO en adiante:
+3º ESO (pública) | IGE 15-19 TOTAL | IGE 15-19 Pequenos concellos |
84.477 | 109.054 | 69.087 |
Como pode verse unha boa parte dese alumnado matriculado en centros públicos procede dos centros de ensino do rural.
OUTROS DATOS REPRESENTATIVOS
*Hai 70 CPIs en Galicia , 68 en zonas rurais.
*Hai 257 IES dos cales 77 son dos grandes concellos ( Vigo, A Coruña, Ourense, Compostela, Lugo, Pontevedra e Ferrol)
*Hai 54 concellos de máis de 10000 habitantes.
* No resto de concellos, 259, a poboación total é 782116 habitantes.
* A poboación de 15 a 19 anos que non pertence a eses 5 grandes concellos suman 69.087 persoas. ( 1-01-2019)
E AGORA AS CIRCUNSTANCIAS
Non hai teoría que non haxa que fixar nos miolos a base de exemplos na realidade. Por iso, dedicamos un tempo ao traballo de campo, e fixemos unha mostra entre os CPIs e IES por todo o territorio rural galego; o criterio de escolla foi que fosen centros rurais, porque sabemos que a problemática é similar en todos eles; velaí tedes unha escolma do que nos contaron:
1.IES Daviña Rey-Monforte : todo o alumnado ven nos transportes escolares.*Reivindican máis espazo nos transportes polo tema covid.
2.IES RÍO CABE-Monforte: todo o alumnado de BAC e ciclos ten autorización excepcional para utilizar o transporte da ESO. Todas as liñas son de transporte compartido.
3.IES Xograr Afonso –Sarria: o alumnado de BAC vai co da ESO en precario e excepcional. Teñen autorización para todos eles.*Propón que o alumnado de bacharelato teña sempre praza. Mesmo este ano puxéronlles unha liña dende a Pobra de San Xiao ao instituto de Sarria.
4.IES A Pinguela- Monforte: Teñen todas as conexións de autobús .*O problema téñeno cos autobuses interurbanos, non se adaptan aos horarios do instituto.
5.IES Pedregal de Irimia- Meira: Utilizan o transporte da ESO, se non fora así non habería posibilidade de transporte público.
6.Cpi Poeta Uxío Novoneyra– Seoane de Courel– Sae unha nena que vai vivir a Quiroga. Non hai posibilidade de transporte público.* O concello da unha axuda de 200 euros por neno-a para desprazamentos.
7.Cpi Atios- Valdoviño- Non teñen liñas directas para Ferrol .As familias organízanse para levalos.*O concello está tentando regularizar esa situación.* O problema é que os horarios dos institutos son diferentes.
8.Cpi Castroverde – hai un autobús que pasa pola estrada principal pola mañá. Os que están fora desa liña téñeno difícil. Hai moito alumnado que non segue os estudos pola imposibilidade das familias de levalos e traelos.* Indica a posibilidade de que houbera liña de Lugo a Castroverde adaptándose ao horario do colexio para que se puidera matricular alumnado da cidade.
9.Cpi a Picota- Mazaricos: CPI A Picota: Para Santa Comba non hai liña regular que se adapte ao horario do instituto. De aí que Santa Comba, sendo cabeceira de comarca é o concello que menos alumnado recibe de Mazaricos.
Para Cee si que coincide a liña regular de transportes Arriva (( creo, se aínda existe con este nome). Máis ben faise coincidir, ao chegar a Cee, o alumnado debe agardar á intemperie a que abran os institutos. E aquel alumnado que elixe o IES Agra de Raíces debe ir andando un bo anaco.
Para Noia, o alumnado colle o bus de liña regular en Pino de Val. Un percorrido que en coche se fai en 20 minutos, ao autobús levalle 45 porque vai polas aldeas de Outes facendo parada nos lugares.
O alumnado, dependendo da zona da que procedan, van a tres institutos diferentes, Noia ,Cee ou Santa Comba. En Santa Comba existe unha liña de transporte que se adapta ao horario, en Noia teñen que levalos os pais a Rio de Val onde collen o autobús regular. E para ir a Cee os pais organízanse para achegalos ao autobús de liña.
10.IES Maximino Romero de Lema- Zas : O alumnado vai no transporte da ESO ,agás dos que proceden de outros centros que se organizan entre as familias e utilizan taxis.
11.IES Alfoz Valadouro- Alfoz: O alumnado de BAC vai nos transportes de ESO. Para o alumnado que ten que desprazarse para facer ciclos ou a outros institutos, o concello subvenciona unha parte .
12.CPI A Cañiza : Na Cañiza teñen tamén instituto e veñen no transporte da ESO. Parte do alumnado da zona estase marchando a Ribadavia, Vigo ou Ponteareas
13. CPI Armando Cotarelo- Boimorto: O alumnado vai a Arzúa, Melide e Curtis.* Teñen problemas coas paradas, houbo novas matrículas este curso, solicitaron en xullo as paradas e a día de hoxe (12-11) está sen resolver.
14. CPI Dr. López Suárez- Friol.: Teñen transporte público que se adapta ao horario dos institutos.
15.CPI de Cervantes- Cervantes : non hai conexión de transporte público ao instituto más achegado dende ningún punto do concello.
16. CPI Uxío Novoneira- Pedrafita do Cebreiro: Non hai autobús á hora de entrada do instituto (o que pasa pola A6), si teñen liña para volver, esperando un rato.
17.IES AUGA DE LAXE- Gondomar: Quedou alumnado de bacharelato sen praza no transporte. ( por mor da situación covid algunhas familias de alumnado da ESO lévanos no coche e así quedaron prazas dispoñíbeis para os de instituto). Non hai opción de transporte público.
18.CPI Tomás Terrón Mendaña :Carballeda de Valdeorras: Van ao IES do Barco de Valdeorras ou de Ponferrada. Soamente hai unha liña de autobús que é a que ven de Ponferrrada que se axusta ao horario do instituto, no resto da zona son as familias quen leva ao alumnado, ou quedan a vivir no Barco ou en Ponferrada.
19.CPI Terras de Maside: Maside- Van ao instituto de Carballiño ou de Chamoso, e non teñen posibilidade de transporte público.
Atopámonos con que na maioría dos casos non existe transporte público e nas poucas zonas no que hai, axústase poucas veces aos horarios dos institutos.
Do noso estudo deducimos que o alumnado galego de zonas rurais, entendendo moi amplamente este concepto, está en clara desvantaxe á hora de acceder ao ensino pre-universitario non obrigatorio, xa que:
- Hai unha importante deficiencia nas conexións de transporte público entre as zonas rurais e os centros de ensino non universitario de referencia.
- Esta situación dificulta aínda máis a igualdade de oportunidades.
- Incrementa a desvinculación do alumnado co rural.
- Favorece o abandono do medio con todo o que iso supón.
- Supón un importante custo económico para as familias.
E por isto dicimos, esiximos, defendemos:
- Que todo o rural galego ten que dispor de transporte dispoñíbel para que o alumnado que teña a sorte de habitalo, teña tamén a posibilidade de manter alí a súa residencia e facer alí, se o quixer, a súa vida académica e a súa futura vida profesional.
- Que ese transporte ten que ser gratuíto, porque sen gratuidade hai discriminación sobre a oferta urbana, e se hai diferenza, é outra lousa que se pon por riba do rural galego.
- Que os CPIs, estupenda ferramenta que poboa o rural, teñen que ter un centro de referencia para cursar o bacharelato e/ou ciclos de FP.