QUE PASA AGORA COS CENTROS EDUCATIVOS ?
Dende a Confederación ANPAS GALEGAS estamos seriamente preocupadas pola incidencia que a actual situación sanitaria pode ter na vida e na formación das nosas fillas e fillos.
Nós non temos que entrar na opinión sanitaria dun comité clínico que abondo ten con responsabilizarse da situación presente. Pero o que si esiximos é un esforzo serio en transparencia e información, sobre o que está a pasar nos centros escolares e sobre como se están a tomar as decisións que nos afectan.
É indiscutíbel que a seguridade da saúde é o primeiro, pero tamén o é que iso non pode ser escusa para non avanzar na solución dos problemas que saíron á luz dende o 13 de marzo pasado, fundamentalmente en cal se pretende que sexa a atención ao alumnado que non pode asistir ás aulas, sexa por confinamento masivo, por ter que gardaren corentena domiciliaria, por seren poboación de risco ou convivintes con ela, ou por calquera outra causa xustificada.
Porque xa non é que non haxa nada avanzado en formación dixital , é que logo de DEZ MESES longos dende o primeiro confinamento estamos practicamente na mesma situación na que estabamos ao principio; a formación do profesorado é máis ben escasa, a do alumnado practicamente inexistente, ás familias nin sequera se nos informou con corrección dos plans que había nos centros -porque non os hai, maioritariamente- e as sucesivas ordes de realización de horarios espello, de comprobacións de funcionamento, de preparación para unha situación de ausencia nas aulas convertéronse en burocracia e papel mollado.
A consellaría non soubo, nin quixo, preparar o inicio deste curso coa atención que se demandaba, non se fixeron revisións de currículo, nin programas de adaptación dun alumnado que levaba sete meses sen asistir ás aulas, non hai atención específica, nin case de ningún outro tipo, ao alumnado NEAE; non hai atención sistemática do alumnado que está nas súas casas. E observamos como, mentres que o ensino concertado, ese que pagamos con cartos públicos, estase a gabar de ter medios e dotacións abondas, no Ensino Público de todas andamos discutindo cada céntimo de presuposto, e cada hora de atención.
Funciona a área sanitaria, segundo os datos que coñecemos, pero fracasa rotundamente a área de acompañamento emocional, non se está desenvolvendo a formación en liña, e temémonos que no hipotético caso dun confinamento masivo estamos camiñando cara outro curso perdido, tal como foi o anterior por máis que a administración se empeñase en disfrazalo.
Agora pechan as universidades e tamén os conservatorios, as escolas de danza e as escolas de idiomas, veremos aí o primeiro espello do que realmente se traballou, ou a consellaría permitiu traballar, e cal é o real nivel de atención que é posíbel cos medios dos que dispuxeron neses centros.
A pandemia é de certo o máis importante que nos pase, pero cando a superemos, non podemos deixar detrás tamén a toda unha xeración mal atendida e peor tratada por culpa da sistemática incapacidade da consellaría para tomar decisións, e fornecer dos medios, para termos o Ensino Público que merecemos.