Reclamación a Sanidade
Prezado Conselleiro de Sanidade:
Dende a Confederación ANPAS GALEGAS e ante a aparente situación de descoordinación entre a súa Consellería e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no que a xestión dos gromos nos centros de ensino público se refire, diríxome a vostede para trasladarlle a sensación de intranquilidade das familias.
Non é unha situación sinxela para ninguén e sabémolo todas, por iso consideramos que o máis acaído é procurar a maior transparencia posible co fin de evitar situacións como a vivida nalgún colexio estes días.
Vostedes teñen os medios para proporcionar a información que precisan as familias de xeito oficial. Non pode darse o caso, como está pasando, de que chegue a información a través doutras vías que non sexan as oficiais porque iso crea inseguridade na comunidade educativa.
Polo tanto, solicitamos:
- Que se publiquen puntualmente os datos exactos e correctos sobre a situación epidemiolóxica nos centros de ensino público
- Que procure a precisa coordinación coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade para evitar estas situacións de caos que están a provocar na xestión de positivos da COVID-19.
Reciba un cordial saúdo