SOLICITUDE VACINACIÓN COIDADORAS COMEDORES ESCOLARES
Fernando Lacaci Batres, presidente da Confederación ANPAS GALEGAS, que ten o CIF G70416557, con enderezo a efectos de notificación na rúa de Estocolmo, 8, baixo, 15707 – Santiago de Compostela, e enderezo electrónico: anpasgalegas@gmail.com
EXPOÑO
Que nos comedores escolares dos colexios galegos traballa un numeroso colectivo de atención ao alumnado de infantil, primaria e secundaria, ben como colaboradores voluntarios no caso dos comedores xestionados pola xunta de Galicia, ou ben como persoal contratado nas tarefas de atención e apoio ao alumnado usuario do comedor escolar.
Este persoal pode ser considerado incluído dentro do grupo 6 B) como “outros profesionais que atenden ao alumnado”, con máis risco por certo do que ten o profesorado, xa que realizan o seu traballo nun espazo pechado, sen manter a distancia de seguridade e no momento da comida, un momento no que o alumnado non está a facer uso da máscara de protección. E moi por diante do grupo 6 C) a quen, no caso das persoas menores de 55 anos, se vacinou recentemente. Resulta máis que sorprendente que a valoración dos colectivos que deben vacinarse estea a realizarse en función da relación laboral que manteñen coas institucións académicas de ensino de 3 a 16 anos, e non en función do efectivo risco de contacto directo que sofren estas persoas no seu traballo cotián.
Polo que solicitamos que se vacine coa máxima urxencia a todo o persoal de atención directa ao alumnado nos comedores escolares galegos.