PROMOCIONAR EN 2º DE BAC
Prezado conselleiro,
Dende a confederación ANPAS GALEGAS estamos vendo de novo as consecuencias dun curso académico marcado pola pandemia pero marcado tamén pola improvisación desta consellería. Vivimos un curso estraño no que o estudantado viuse moi prexudicado polas circunstancias, pero moi especialmente, como era previsíbel, a maior afectación recaeu no estudantado de 2º de BAC neste curso 2020-2021; foron quen máis sufriron os recortes de períodos lectivos, do pasado curso, mesmo do principio deste; e por riba agora son quen están vendo reducidas as súas posibilidades reais por culpa dunha discrepancia política que non debera afectalos.
O Real Decreto-lei 31/2020 do 29 de setembro polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, no seu capítulo III ,no artigo 5 no que trata dos criterios de avaliación e promoción en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, establece que:
Os centros docentes, de acordo co regulado no seu caso polas administracións educativas, poderán modificar, de xeito excepcional os criterios de promoción en tódolos cursos de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria, así coma na correspondente promoción de primeiro e segundo de Bacharelato. A repetición considerarase unha medida de carácter excepcional que se adoptará , en todo caso, de xeito colexiado polo equipo docente en función da evolución académica do estudante, 2. globalmente considerada, sen que poida ser a causa unicamente as posibles materias que puideran quedar sen superar na Educación Secundaria Obrigatoria e no Bacharelato.
No artigo 6 deste Capítulo III , trata dos criterios para a titulación na Educación Secundaria Obrigatoria:
Os equipos docentes adoptarán as decisións relativas á obtención do título de acordo o regulado no seu caso polas administracións educativas , de forma colexiada , baseándose para o Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria na adquisición dos obxectivos xerais establecidos para a etapa e o desenvolvemento das competencias, e no de Bacharelato, na evolución do alumno ou alumna no conxunto das materias, e a súa madurez académica en relación cos obxectivos do Bacharelato e das competencias correspondentes. A decisión de titulación adoptarase garantindo a adquisición dos obxectivos xerais da etapa de xeito que permitan ao alumno ou alumna continuar o seu itinerario académico e, en consecuencia, non quedará supeditada á non existencia de materias sen superar para o acceso a ámbalas dúas titulacións. En todo caso para a obtención do título de Bacharelato será necesaria unha cualificación media igual ou superior á requirida para a superación de cada materia.
A resposta da Xunta de Galiza aparece pronto, na Resolución do 18 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional danse por boas as instrucións do 30 de xullo de 2020, previas ao Real Decreto-lei, e mesmo previas ao cambio de goberno na actual consellaría de educación, que establecían no seu artigo vixésimo terceiro que “Para obter o título de bacharel será necesaria a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato…”
Que temos entón?, que un estudante galego de 2º de bacharelato precisa aprobar todas as materias, mentres que un estudante doutra comunidade autónoma podería superar esa etapa académica con materias suspensas sempre que teña “unha cualificación media igual ou superior á requirida para a superación de cada materia” e a súa comunidade así o decidira, tal e como fixeron moitas.
Non vai ser esta Confederación quen cuestione a autoridade da Xunta de Galiza para actuar dentro do marco das súas competencias, pero si que temos que pensar quen sae prexudicado por este criterio de actuación. E claramente é o estudantado galego quen sofre as consecuencias dunha normativa discordante, elaborada ademais por unha administración educativa que fixo bandeira dende o mes de marzo de 2020 da necesidade de actuar dun xeito homoxéneo coa administración do Estado e coas outras Comunidades Autónomas.
O que ocorre na práctica, e o que xera unha enorme desigualdade, é que noutras
comunidades, mesmo veciñas da nosa, hai estudantado con materias suspensas que vai titular bacharelato, vaise poder presentar ás ABAU na convocatoria ordinaria, e -se aproban van entrar no proceso de adxudicación das prazas universitarias galegas nun momento no que o noso propio estudantado, coas mesmas, ou mesmo con menos, materias suspensas non vai poder participar. Por suposto isto tamén pasa á inversa nas prazas destas comunidades, onde o noso estudantado cunha ou dúas materias suspensas non vai tampouco poder chegar en convocatoria ordinaria.
Non fai falta que indiquemos que a distribución de prazas universitarias é un obxectivo
fundamental para o estudantado que cursa 2º de bacharelato; tampouco fai falta que digamos que as posibilidades de acceder á meirande parte das titulacións son totalmente inexistentes nas convocatorias extraordinarias, precisamente porque a exigüidade de prazas en moitas delas fai que se cubran integramente na convocatoria ordinaria, e non por calquera, cóbrense cos aprobados galegos nas ABAU, e tamén cos aprobados non galegos que aprobaron as ABAU pero suspenderon materias en bacharelato noutras comunidades.
É a consellaría de educación consciente da posición de inferioridade na que ven de
colocar ao alumnado galego de 2º de bacharelato?, é realmente consciente de ata que
punto, cunha decisión non coordinada, está eliminando as posibilidades reais do noso
propio alumnado para acceder ás titulacións universitarias que desexa en igualdade de
condicións co resto do alumnado do Estado ?. É consciente de que está deixando as
prazas nas universidades galegas a alumnado foráneo que precisa de menos requisitos
para acceder ?
Este curso quizais estea perdido para corrixir este despropósito, pero aínda quedan outras dúas promocións de bacharelato antes do cambio á nova normativa que derive da LOMLOE, é tempo aínda de modificar o que se fixo mal neste eido; e é o que agardamos que faga esa Consellería.