SEN OPCIÓNS EN BACHARELATO
Estes días andamos escoitando por todas partes que a consellaría de educación prohibe, impide, que existan grupos de materias en bacharelato inferiores a cinco alumnas e alumnos en materias troncais, e oito noutro tipo de materias; e iso aínda que o centro escolar teña dispoñibilidade horaria abonda co profesorado que estea alí destinado.
Isto afecta a todo o mundo?, pois si e non, xenericamente afecta máis ás materias de menor demanda que son as de humanidades; e logo afecta a grupos pequenos de alumnado, os do rural nomeadamente que é onde se concentran os centros nos que non se quixeron poñer os medios necesarios, e que á hora de escoller especialidades atópanse coa dificultade de ter que dividir grupos pequenos en fraccións, que moitas veces non chegan a eses mínimos que antes indicabamos.
Isto ven pasando dende hai anos, case que dende que a LOMCE inaugurou unha opcionalidade que nunca tivo a dotación económica para chegar a ser efectiva; pero claro, LOMCE foi unha lei de gran cidade, de centros con moitísimo alumnado, foi unha lei para unha realidade diferente á galega, e aquí nunca se quixo poñer os medios para corrixir as desigualdades que provocou.
Pero antes a consellaría, polo menos, permitía que se utilizaran as horas que xa tiña pagadas, e se había docentes con horas libres deixáballes traballar con grupos moi pequenos; e que ninguén entenda que esa era unha boa praxe, era discriminatoria e indignante, porque a túa sorte dependía de que no teu centro houbera un profesor dispoñíbel; pero o que ninguén agardaba é que racharan coa discriminación por abaixo, antes estaba mal unha parte do alumnado nestas circunstancias, agora xa o está todo, e por que está pasando este despropósito ?
Coñecendo á consellaría, probablemente non teña explicación; non hai nada máis escuro que a consellaría de educación, e nós xa estamos convencidos que non é que oculten as súas razóns, é que non as teñen, así de sinxelo.
Pero se non sabemos cales son as súas razóns si que sabemos cales son as consecuencias dos seus incoherentes actos: hai un grupo da mocidade galega que neste momento, porque escolleron unha opción con menos propaganda que outras, ou porque residen en lugares pouco poboados, ou porque lles cadrou unha promoción moi uniforme e eles son a excepción, non van poder estudar o que resulta ser a súa opción maioritaria en bacharelato -á que teñen dereito, non o esquezamos- e polo tanto tampouco poderán orientar a súa vida por esa área do saber. A outra opción é escapar, ir estudar a outro lado, ou pagar un centro privado, ou agardar outro ano a ver se hai sorte e aparece algunha outra persoa rara que tamén quere estudar latín, ou grego.
Temos unha consellaría que non merece ninguén, xa non é que suprimira profesorado por todas partes, que retorcera a lóxica dos contaxios para meter a máis e máis xente nas aulas, que pechara escolas perfectamente viábeis e que pretendera facer agrupamentos absurdos, agora tamén é a responsábel de esnaquizar, aos 16 anos !!!, a vocación de parte da mocidade galega. De verdade temos que continuar aturándoos ?
Por certo, solicitámoslle unha reunión ao Secretario Xeral de Educación para que nos explique en vivo e en directo este despropósito, as súas causas e saber se é consciente da importancia das súas consecuencias, veremos se nos recibe.