Día internacional das mulleres rurais
Vou intentar expoñer resumidamente a situación actual do ensino no rural, que, loxicamente é consecuente coa situación de despoboamento constante na que nos atopamos dende fai décadas.
Dende a nosa confederación , ANPAS GALEGAS, e vendo a traxectoria e as carencias do ensino nos colexios rurais, comezamos a traballar a principios de este ano nas bases para reclamar á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, un PLAN EDUCATIVO ESPECÍFICO PARA O RURAL.
Decatámonos de que un dos problemas que temos, case o máis importante, é que o noso sistema educativo está deseñado para colexios urbanos, o que quizais poida pasar por unha explicación simple, pero é así.
Realmente, todo depende do rateo: os recursos e polo tanto a calidade educativa dependen directamente do número de alumnas e alumnos:
- Se non temos máis de 5 nenas e nenos de infantil, non temos especialista para eles. Isto implica que a base da formación do alumnado non é tal, vai dar clase aos nenos de infantil un profesor que será especialista de primaria .
- Se temos menos de 18 alumnos por curso , este agrúpase a outro ou outros até chegar aos 18. E así, cada vez é máis frecuente atopar situacións de agrupamentos de tres, catro ou todos os cursos de primaria nunha soa aula.
- Se non temos alumnado abondo, non hai optatividade na ESO e xa non digamos no bacharelato, precísanse nos IES da zona rural un mínimo de 5 matriculados nunha optativa para darlla e 10 nos centros urbáns.Aínda así este ano non se deron optativas tendo profesorado disponible porque non chegaban aos 5 ou aos 10 matriculados. Realmente hai que poñer á opcionalidade?
- E suma e segue.
Por suposto que haberá quen diga que é mellor que estean varios cursos xuntos porque iso permite a socialización do alumnado , que se enriquecen uns cos outros e todas as bondades que queiramos; porque sempre podemos atopar argumentos para case calquera cousa e para a súa contraria; pero a realidade danos outra versión: levan moitísimos anos especializando ao profesorado para que imparta as súas materias ao alumnado de 1º ou de 2º ou o que toque, cada grupo da súa idade, pero nos coles con agrupamentos o panorama é ben diferente: É un profesor ou profesora que ten que impartir nos 50 minutos que dura a clase a materia para os grupos que sexan, 2, 3, 4 ou os que cadren. Doado non parece.
Conscientes disto, dende ANPAS GALEGAS decidimos preguntarlle ás familias do rural, e a finais do curso pasado fixémolo en dous sensos á vez:
- Unha macro-enquisa sobre a formación nos centros escolares rurais galegos, tentando reflectir todos os aspectos que nos pareceron interesantes relativos ao ensino. Conseguimos a opinión de 640 persoas de 93 concellos galegos, non é unha mala mostraxe.
- Xuntanzas zonais coas ANPAS asociadas, para escoitar o que elas tiveran que dicir, a súa vivencia do problema no día a día.
Vou facer referencia ás nosas preguntas, e tamén ás conclusións que fomos obtendo, debullan un panorama rural coñecido, cun futuro moi limitado se non se modifican as políticas de investimentos, e se non se asume a necesaria excepcionalidade das solucións que hai que adoptar, pero tamén con motivos de esperanza: os que dá ter unha marabillosa contorna, unha excelente poboación, e a crecente conciencia de que o rural galego é o lugar a onde hai que mirar neste momento para poñer o foco nun modelo vital sostible, posible, e enormemente humanizado e saudable.
Imos aos datos, e tamén ao que nos suxeriron:
1.- CONECTIVIDADE, NOVAS TECNOLOXÍAS, ILLAMENTO.
Un dos temas máis recorrentes pola súa recente transcendencia e a súa crecente importancia, e cuxas fallas deixaron patente que é tamén unha das grandes eivas do noso sistema educativo, foi o tema das novas tecnoloxías e das competencias dixitais. De súpeto vímonos pechados nas casas coa obriga de seguir estudando, traballando, mercando e relacionándonos co mundo e decatámonos de que algunhas tiñamos ordenadores, non todas, pero o que non tiñamos era medios para esa función que de repente se nos requiría.
As respostas da enquisa indican que un 55 % din que ten un só ordenador na casa; é unha porcentaxe pequena hoxe en día, pero que combina perfectamente co 43 % que din que si, que teñen conexión a internet pero moi deficiente.
Iso quer dicir que a xente non está preparada para asumir o reto dixital ? , en absoluto, en xeral as nais e pais din ter unha aceptable competencia dixital (71-80%).Iso demostra que esforzámonos en adaptarnos as circunstancias e ímolo conseguindo.
Pero si quere dicir que estamos lonxe de poder enfrontar con éxito un ensino dixital nas casas.
Os medios dixitais dos centros escolares non semellan tampouco suficientes, nin os ordenadores para o profesorado por aula, nin para os alumnos (43,1% afirman que non hai ningún ordenador nin tableta para o alumnado na aula). Sobre a conexión dos centros só funciona ben nun 49,2%).
Ou sexa, tampouco se pode enfrontar con éxito un ensino dixital nos colexios.
Pensemos nisto: temos competencia, temos dispoñibilidade, temos interese, pero non hai medios nin é posíbel que a iniciativa particular poida fornecernos deles, a quen apunta a solución do problema ?
2.- TRANSPORTE ESCOLAR
Consideran que o transporte escolar condiciona nalgúns casos o horario do centro e mesmo condiciona a poslibilidade de organización de actividades extraescolares.
Non sempre o transporte é adecuado ao terreo.
O alumnado rural transportado é un 48,4 % do total das respostas, que se divide entre o 42 % que tarda menos de 30 minutos en chegar ao centro, e un 6,4 % que tarda entre 30 e 60 minutos. Estes sesenta minutos son o tempo máximo legal que pode ocupar un transporte escolar. A porcentaxe non parece demasiado elevada, pero hai que indicar que se concentra en determinadas poboacións, as de montaña, que son quen padecen as distancias máis longas.
A percepción xeral é que o transporte escolar condiciona o horario do centro, e que o modifica inevitablemente, facendo ademais máis difícil a integración do alumnado na vida extraescolar de cada centro e de cadansúa zona.
Cando fale, un pouco máis adiante, das oportunidades do rural, hei debullar algo máis este “dano colateral” que provoca o transporte escolar insuficiente e excesivamente centrado no horario académico.
No tema do transporte quixera incidir en algo moi concreto, pero con consecuencias moi xerais: a finais do ano pasado fixemos en ANPAS GALEGAS un traballo, referido a alumnado que non é nin obrigatorio nin universitario (FP e Bacharelato fundamentalmente), que presentamos á consellería con nula resposta pola súa parte; e neste traballo denunciamos con datos rotundos unha situación cotiá que non deberiamos ter tan asumida: a desigualdade do noso alumnado fronte ao que vive nas cidades, e a necesidade dunha rede de transporte público que permita a mobilidade da rapazada.
Os datos son claros, o que nos di a enquisa do IGE do 2019-20 indícanos que estamos a falar dun total de 55.000 alumnos matriculados en ensinanzas preuniversitarias que viven, ou proveñen, de concellos pequenos. Unha poboación importante, pero que ao estar dispersa por todo o territorio non ten a resposta axeitada que tería de concentrarse en centros urbanos.
O problema está exactamente, en que non hai transporte dispoñíbel para este alumnado en amplísimas zonas do rural galego. Isto ten unhas consecuencias moito maiores do que poida parecer a simple vista; non só é o gasto que supón ás familias mandar a estudar fora ás súas fillas e fillos, o que en si xa xera unha desigualdade; é o desarraigo que provoca esta situación: estámolos sacando da casa case para facer BAC ou FP, con 16 anos, con 15 ás veces. Como podemos logo estrañarnos de que non se identifiquen co seu lugar de nacemento?. Mesmo ao preguntar ás anpas ,din que se dá o caso cotián de abandono dos estudos polas dificultades engadidas que a falta de transporte trae de seu.
Ou sexa, desigualdade, desarraigo, falta de oportunidades, custo inasumíbel, abandono do medio. E todo iso por non ter conceder ao alumnado non universitario o dereito a un transporte escolar normalizado.
3.- ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES nos centros escolares
Diferenciemos, o 85,8 % afirman que hai actividades extraescolares no centro,un 85,8 % que se distribúe entre as organizadas pola ANPA, o 70%, as que organiza o Concello, o 10% e as que organiza o propio colexio, o 5% . Asistencia ás actividades é un 55,2 %.
Das actividades o 60,6% realízanse pola tarde e nos centros que teñen xornada única. Máis o transporte escolar novamente é un problema, so un 18,9 % teñen transporte escolar cando rematan as actividades . O resto teñen que facelas a costa doutros medios de transporte privados, a familia, a veciñanza, etc.
Pero hai un 3º % que din que non asisten ás actividades extraescolares porque non hai transporte escolar para recollelos; non é raro que as ANPAS digan que o transporte condiciona a posibilidade de organización de actividades extraescolares.
A maiores hai que indicar que é moi difícil organizar grupos para as actividades pola falta de nenas e nenos, e esa é a razón tamén de que saian máis caras e teñamos menos oferta.
E ao final en que se traduce isto? en que é difícil dispor de actividades, que esa dificultade fainas cada vez máis difíciles de organizar, de asumir economicamente, e de facilitar a súa organización, é un círculo vicioso do que só se pode saír novamente con políticas decididas de apoio.
Por certo, as actividades extraescolares non son é que as nenas e nenos vaia a pintura ou patinaxe, non é iso o que dicimos; significa que participen coas súas iguais en actos non académicos, que creen comunidade educativa e que formen lazos de permanencia coa veciñanza e coa contorna. Que se queiran onde están, en resumo.
3.- ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES fóra dos centros escolares
O 70,3% teñen acceso a actividades deportivas federadas en distinto grado de oferta e o21,4% non teñen acceso a ningunha.
No que se refire as actividades de idiomas e música a porcentaxe é similar. Aumenta na aprendizaxe das novas tecnoloxías, nas que hai un 37,3 % que non teñen acceso, e aínda se incrementa máis se imos a ensinanzas sobre técnicas de estudo, onde chegamos ao 44,1% que non teñen acceso.
Isto pode parecer algo irrelevante pero o que mostra é unha gran fenda entre as oportunidades dunha nena ou neno dun colexio dunha cidade ou vila grande e dunha nena dunha aldea. Por exemplo, mentres a nena da cidade vai ao conservatorio e pouco a pouco vai sacando a carreira de música ao mesmo tempo que continúa cos outros estudos, a nena da aldea con sorte e marchando da casa con 16 anos sacará unha soa. O resultado final é que non está nas mesmas condicións á hora de formarse, ou de acceder ao mercado laboral. O mesmo ocorre cos idiomas ou cos estudos de arte, e tamén cos deportes federados.
4.- LINGUA GALEGA
Sobre o uso da lingua é preocupante que só o redor dun 15% do alumnado fala galego sempre fronte ao 14% que non o fala nunca (*) , comprensible tendo en conta que só o 18% do profesorado o fala sempre .
Deste alumnado o 21% non o fala nunca na casa.
Por outra banda o 40,8% dos enquisados afirman que os nenos e nenas cada vez falan menos galego e á medida que medran , e o 34,7 % afirman que o deixan de falar. Curiosamente só o 36,5% opina que os nenos falan menos o galego cando comezan a escola.
E este debate sobre a lingua non pecha aí, realmente é un debate sobre a identificación coa contorna e coa súa xente; no rural aínda hoxe fálase galego maioritariamente, se a xuventude está a abandonalo significa que non se sente parte do futuro do lugar onde naceu e está a medrar. Visualiza o distanciamento das novas xeracións co espazo no que están. E sen xente nova non hai futuro de ningún tipo.
5.- QUE CONDICIÓNS DE ENSINO DEBERIAMOS TER
En canto ao rateo ideal:
Aquí hai un posible debate, pero hai algo moi claro: o curso pasado coa pandemia e a obriga de desdobrar as aulas para poder adaptarse aos protocolos sanitarios, os rateos tiveron que reducirse e iso notouse na calidade do ensino. Os resultados finais foron como os de anos anteriores porque os rateos baixos compensaron as dificultades orixinadas pola pandemia.
Realmente foi unha mágoa que se deran tanta presa en volver as rateos anteriores; pero tamén deixou claro cal é a aposta da administración educativa neste momento, e non vai na liña axeitada para recuperar nin o rural nin a calidade do Ensino Público.
En canto ao tipo de centro ideal :
Temos estes tipos de centros: Escolas unitarias, escolas infantis, Ceip, Cpi, Ies .
A meirande parte das respostas consideran que a combinación ideal debera ser CEIP+ IES.
Os agrupamentos por ex. os CRAS son un modelo de educación no rural, que xunta a xestión colectiva coa atención particularizada propia das escolas unitarias que deberíamos reivindicar como propio e específico do rural galego.
Tamén temos que mencionar que os estudos de FP en ensinanzas vinculados ao territorio serían unha opción moi interesante de futuro pero que son unha eiva no presente que contrubúe ao desarraigo ao obrigar a estudar fóra a aquelas persoas con interése nestas materias.
En canto á formación do profesorado, hai case un empate de opinións no que se refire á necesidade de formación específica do profesorado para traballar coa contorna nos colexios rurais, cun leve porcentaxe de familias que opina que non é necesario; porén, si consideran importante é formación para traballar con agrupamentos (*).
En canto ás equipas de orientación e atención ao alumnado NEAE
Porén, hai unha porcentaxe preocupante que dí que non ten algún dos especialistas ou que o número destes é insuficiente . Novamente a baixa cantidade de alumnado propicia a escaseza de medios humanos para a atención á diversidade, esquecendo que os dereitos dunha nena ou un neno nunca deberan depender do número de alumnos cos que conviva.
En canto á participación das familias
A opinión maioritaria indica que na meirande parte dos centros favorécese a participación das familias tanto na xestión do centro coma nas actividades. Tamén existe unha ampla participación nas Asociacións de Nais e Pais, aínda que existe a demanda dunha maior implicación.
Mesmo fomos quen de facer unha pequena listaxe de vantaxes e desvantaxes do ensino no rural e de tirar delas unha conclusión:
VANTAXES DO ENSINO NO RURAL:
- Colexios menos masificados
- Relación máis familiar
- Maior conexión co entorno natural ( si o profesorado é quen de aproveitalo)
- Máis fácil a integración
- Máis fácil a detección de problemas tipo acoso
- Para os nenos e máis fácil aprender por ser poucos
DESVANTAXES DO ENSINO NO RURAL:
- Maior mobilidade do profesorado o que influe negativamente na calidade do ensino
- Dificultade a hora de organizar actividades extraescolares
- En xeral non se aproveitan as vantaxes do rural a nivel educativo
- Falta de optativas no IES, en BAC e opcións en FP
Conclusión: son máis as vantaxes que as desvantaxes. Igual debéramos plantexar en serio que vale a pena levar os fillos nun colexio rural.
6.- OPORTUNIDADES DO RURAL
Pero esta non é unha charla pesimista, o rural galego é unha fonte –non inesgotable iso é certo- de oportunidades; neste momento ademais é un exemplo a seguir en canto a un modelo de vida seguro, saudable e desexable; así tamén nolo indican as familias.
Cando falamos das vantaxes do vivir no rural , o 90,1% opina que vivir no rural facilita a comprensión do medio natural, e tamén a adquisición dunha conciencia ambiental de sustentabilidade no 84,3 % das opinións.
Sobre a vida no rural. O 76 % das persoas enquisadas consideran que facilita a valoración das relacións colectivas e a convivencia pacífica.
COMO CONCLUSIÓN FINAL:
Estamos en condicións de ter un ensino público que sexa referente e de calidade pero para iso é preciso cambiar o modelo e adaptalo ao territorio.
Aquí non se trata de números, trátase de poñer todos os medios para reverter unha situación que se está volvendo insostible e que o país precisa. Os problemas do rural non son só do rural; non hai máis que ver os xabarís paseando pola Ronda da Muralla ou os incendios ás portas de Santiago.
Se queremos ter un País de Futuro, temos que traballar a prol dun Rural con Futuro, e iso non se fai nin con boas intencións nin con falsas promesas, faise con realidades, investimentos e programas de discriminación positiva que faciliten vivir aquí cos medios, as oportunidades e as facilidades cos que se pode vivir en calquera outro lugar do mundo.
Non é relevante o da porcentaxe. O do traballo sobre o transporte si.