ONDE ESTAMOS OITO ANOS MÁIS TARDE
Hoxe estamos de aniversario, conmemoramos OITO anos de presenza formal no Ensino Público Galego, antes xa estabamos de facto, pero a nosa organización callou definitivamente na reunión deConxodo 30 de novembro de 2013.
Oito anos máis contamos con moitísimas máis ANPAS asociadas, somos a organización de familias con máis forza no País, e temos unha presenza no mundo educativo galego que avala sobradamente aquela decisión que nos fixo aparecer daquela; unha decisión provocada pola necesidade de que as familias galegas tiveramos unha voz diferente, galega, laica, pública, feminista e inclusiva, esa é a nosa voz dende o primeiro día.
Agora podiamos falar dos centos de publicacións feitas e escritos remitidos, das participacións en actividades e colaboracións na prensa, de todas as reunións en todos os despachos educativos deste País. Pero hai algo máis importante que queremos subliñar neste oitavo aniversario: a nosa xente.
Hoxe queremos felicitarmos falandodas nais e dos pais, de todas as persoas que nos chamaron ao longo destes anos, das que tiñan un problema e pedían colaboración, das que se sumaron as nosas reivindicacións, das que nos acompañaron cando nos mobilizamos ou nos apoiaron cando reclamamos, tamén das que nos criticaron coa intención de medrar canda nós, das que pediron explicacións e das que se foron sumando a este proxecto. Queremos falar delas porque é o que somos, nais e pais, miles delas, que nos erguemos todos os días co propósito de que a vida das nosas fillas e fillos nun colexio, nunha escola infantil ou nun instituto, sexa mellor, máis galega, máis xusta, máis equitativa e máis feliz para todos os nenos e nenas que alí se atopan.
Por desgraza tocáronnos anos de enfrontamento constante co poder público, non é o que nós quixeramos pero é o que temos: enfronte de nós –porque é onde eles queren poñerse, que nós ben quixeramos telos ao carón- temos á política do poder que discrimina, a que recorta medios, a que nega oportunidades, a que pecha escolas no rural, a que elimina apoios a quen o precisa, a que subvenciona centros privados dándolles o que lles rouba aos públicos, a que rexeita fornecer ao Ensino Público dos medios e oportunidades que precisa; sempre estaremos enfronte desa política, para iso nacemos, e por iso continuamos e continuaremos.
Mais tamén temos que dicir que non estivemos soas no camiño, non imos nomear a todas as organizacións, partidos, asociacións, plataformas e movementos que nos apoiaron e nos apoian cada día para non deixar a ninguén fóra . Pero este País ten moi boa xente, moita xente que traballa polo benestar de todas, e con esa xente atopámonos de acotío.
Seguiremos, cambiando de persoas e de voces, pero mantendo a mensaxe: ningunha persoa honesta pode descansar mentres haxa nenos e nenas sufrindo a desigualdade e o abandono, mentres haxa nenos e nenas que entren nunha escola e non teñan todas as axudas que precisen, mentres as fillas e fillos de todas non teñan, por dereito, todas as oportunidades que poidan aproveitar.
Somos as ANPAS que se moven, se aínda non estás connosco xa che vai sendo tempo, chámanos e súmate ao noso proxecto. Xa somos moitas, pero podemos e queremos sermos máis aínda. Para ter máis forza.