PRETENDEN TOMARNOS O PELO
O pasado martes, convocados a toda carreira para que o conselleiro puidera saír na foto dicindo de si mesmo que ten un talante de diálogo e comunicación, as representantes das familias dixemos moi alto que o calendario escolar deste curso había que modificalo con absoluta urxencia; que esa era a primeira medida que había que tomar para iniciar a saída do caos no que os dous gobernos, o español e o galego, nos estaban metendo neste curso escolar.
E non é que haxa que modificalo porque é un despropósito, que se fose por iso xa nin debera estar publicado, hai que modificalo porque a razón que tiveron para esa organización foi adiantar para xuño unha convocatoria extraordinaria QUE XA NON EXISTE .
Entón, se xa non hai máis que unha convocatoria, como houbo sempre no mes de xuño, quere explicarnos o conselleiro cal é a razón pola que este ano as nosas crianzas na ESO van ter case un mes menos de curso -cos mesmos currículos que anos anteriores- para despois ”apoiar e reforzar”.
Apoiar e reforzar que ? se o alumnado xa está avaliado, se xa está suspenso quen teña que suspender, se xa non hai máis opcións, que utilidade vai ter ese apoio e reforzo?, e se o alumnado está aprobado e o sabe, para que quere ter un apoio e reforzo dunha materia que xa dominaron?
Pero sabemos porqué se fai o que se está facendo: por unha parte na consellaría hai unha teimosía absurda en manter as decisións tomadas aínda sabendo que son un completo erro; e por outra parte, a consellaría está constantemente escoitando os intereses burocráticos dos centros escolares, que non queren agora pasar o traballo de reorganizar este curso.
Outra vez mais, como xa foi na xénese desta decisión ridícula, temos unha administración que prefire a comodidade burocrática por diante do interese educativo das nosas fillas e fillos.
Esta é a cultura de esforzo que preconiza a consellaría que dirixe Román Rodríguez, e da Secretaría Xeral de JoséLuís Mira: que o alumnado pase o mes de xuño perdendo o tempo cando podía estar incrementando as súas opcións de aprendizaxe, que as familias teñamos que explicarlles aos nosos fillos e fillas porqué están nas aulas cando xa están todas as decisións tomadas. A cultura do esforzo desta consellaría consiste en que o curso seguinte quede arranxado no mes de xuño, con todos os recursos organizados para o curso seguinte, a costa do futuro das mozas e mozos galegos.
E por riba temos que escoitar que o caos ven do Goberno do Estado, aquí nin para iso necesitamos a Madrid, para meter a pata ata o fondo xa temos ao conselleiro de educación.
Pero non vai ser sen que nós o digamos e nos movamos en consecuencia.