QUÉ ESTAMOS EDUCANDO?
Non podo deixar de darlle voltas… suponse que somos unha sociedade moderna, estamos no primeiro mundo, temos acceso a toda a información; nada se nos escapa. Entón, qué pasa?. Vivimos nunha mentira continua.
O noso modo de pensar non se corresponde co século no que estamos. Da o mesmo que o creamos ou non. Por unha banda é aceptado como unha normalidade lóxica (case sempre) o feito de que as mulleres traballemos no que queiramos , que quedemos coas amigas ou amigos para tomar algo mentres a nosa parella queda na casa, que viaxemos sóas, que administremos o noso diñeiro (só faltaría) , que repartamos as tarefas cotiás e as responsabilidades da educación das nosas nenas e nenos e calquera cousa da vida diaria, e por outra, totalmente antagónica, permitímonos, todas e todos ,“tolerar”, porque o toleramos, as actitudes machistas, os xuizos de valor, os “ onde vas así vestida” ou “cómo se che ocurre ir sóa pra a casa”.
Qué estamos facendo? Non o sei, pero isto non está a saír ben.
Estamos lonxe de atopar a igualdade. É certo que en moitos ámbitos se busca incansablemente, se traballa nos colexios, no mundo laboral, na rúa, no deporte e até no ocio, pero aínda pesa nos nosos xenes como unha pedra o concepto de inferioridade. Ás veces esa inferioridade e noso complexo máis escondido e outras simplemente temos asumido (xenéticamente) que son as outras ou outros os que son inferiores polo que sexa; polo seu aspecto, pola súa identidade sexual, pola súa estatura, polo seu modo de pensar, por ser mulleres ou por ser diferentes simplemente.
Pero temos días no calendario para lembrar ou conmemorar case calquera cousa e gabámonos diso, de ter o día da violencia contra a muller, o día da igualdade, o día da diversidade e tantos outros. Realmente precisamos dunha data para lembrar que xa é hora de modernizar o noso pensamento e que este se sitúe no século no que estamos?. Xa non quemamos ás bruxas, nin lapidamos ás adulteras, nin pactamos o casamento das nosas fillas. Iso está superado. Pero aínda queda algo no máis recóndito dos nosos pensamentos que de vez en cando sae e fainos “tolerar” o intolerable, e xustificar o inxustificable. Até o punto de que xa non nos fai novidade unha noticia dun asesinato ou unha paliza a unha ou un semellante, persoa, compañeira, home. Estámolo tolerando e a convivencia en sociedade non é compatible co esa tolerancia. Témolo que resolver e ten que ser entre todas e dende a educación das nosas fillas e fillos e de nós mesmas.
Sería moi triste pensar que falamos nesta data como un ritual, ou porque non saibamos que todos os días do ano son días da igualdade e contra a violencia.
Como poderiamos admitir outra cousa ?