8 de Marzo, máis ca nunca
Os días de celebración teñen un algo de ritual, algo que leva de seu o risco de restarlles esencia e necesidade, arrodéanse de efemérides e de declaracións correctas, desenvolven a súa liturxia propia, repiten, porque non pode ser doutro xeito, as consignas doutras convocatorias e quédanse así, codificados, en perigo.
Disto sabemos moito en Galicia noutras celebracións de importancia, pero esta é moi especial e querida e non quixeramos que pasara de longo convertida nun discurso, un cartaz e unha frase. Porque hai moito que aproveitar deste día, e temos que facelo polas nosas fillas, para que atopen outro mundo diferente ao que atopamos nós, un mundo mellor, sempre mellor.
Celebramos hoxe unha obviedade: que as mulleres temos o dereito a vivir en condicións de igualdade con respecto a calquera outra persoa. Pero tamén chamamos a atención sobre algo non tan obvio: que moitos anos despois das primeiras reivindicacións, aínda non chegou, nin de lonxe, ese dereito nin esas condicións.
Certo que hai mulleres en case todos os postos, que practicamente xa non hai ámbitos onde se cuestione a normalidade da nosa presenza, faltaría máis !!. É certo que mesmo se fala con normalidade de ocuparmos as máis altas responsabilidades políticas, empresariais ou sociais…
Pero se miramos un chisco por baixo desa “normalidade” vemos que as nosas fillas continúan sendo cuestionadas cando o seu comportamento non é todo o “feminino” que se agarda delas, vemos como os exemplos para imitación son maiormente masculinos, vemos como os libros de texto están cheos de lecturas masculinas da historia, na literatura, nas artes, no deporte…
E vemos, con temor absoluto, como as condutas machistas non retroceden na mesma proporción na que avanza o recoñecemento dos nosos dereitos; vemos como a aceptación dos desexos da outra persoa nas parellas novas aínda é moi superior cando son os desexos del os que se aceptan; vemos como non avanzamos, e tamén vemos como as estratexias no Ensino non conseguen os resultados desexados, quizais porque non estean realmente ben deseñadas.
Teñamos un precioso día da muller, e aproveitemos para lembrarlle á sociedade que todo é educación, e todo é aprendizaxe; que hai que defender na rúa e berrando os nosos dereitos de hoxe; pero que tamén hai que defendelos nas aulas e nas casas, na vida toda actuando en igualdade. Que falta moito por conseguir até chegar a onde xa tiñamos que ter chegado hai séculos: á conciencia de sermos iguais e a satisfacción de sabelo e compartilo.