ÁREAS DE ESCOLARIZACION OU INFLUENCIA PARA CENTROS PÚBLICOS E CONCERTADOS
O artigo 86 da Lei Orgánica de Educación, logo da redacción dada pola Lei 3/2020, do 29 de decembro, indica no seu punto primeiro:
As administracións educativas garantirán a igualdade na aplicación das normas de admisión, o que inclúe o establecemento das mesmas áreas de escolarización ou influencia para os centros públicos e privados concertados, dun mesmo concello ou ámbito territorial, en función das ensinanzas que impartan e dos postos escolares autorizados.
As áreas de influencia determinaranse, oídas as administracións locais, de xeito que permitan garantir a aplicación efectiva dos criterios prioritarios de proximidade ao domicilio e cubran no posíbel unha poboación socialmente heteroxénea.
En ningún caso as características propias dun centro ou da súa oferta educativa, tales como as derivadas do feito de que o centro imparta ensinanzas plurilingües, da que tivera recoñecida unha especialización curricular ou tivera participado nunha acción destinada a fomentar a calidade, poderán supoñer modificación dos criterios de admisión.
O Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que ser regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, explicita no seu artigo 2 o que se considera área de influencia en Galicia, e onde está a competencia e procedemento para fixalas, polo que non cremos necesario repetir aquí esta normativa.
Por suposto, este sería un momento magnífico para reorganizar as áreas de influencia de todos os centros escolares urbanos da Comunidade, porque as súas áreas están moi lonxe de responder á realidade das cidades galegas.
Pero imos comezar por algo máis sinxelo, o procedemento de admisión comeza hoxe, 1 de marzo, e nós non temos coñecemento de que exista un traballo de detalle na reorganización das áreas de influencia dos centros privados concertados para seren adscritos á mesma área que outros centros públicos do mesmo concello ou ámbito territorial; non temos coñecemento de que se convocaran os consellos escolares municipais, alí onde os hai, nin de que se recorrera á administración municipal onde -incumprindo a normativa vixente- a Xunta está permitindo que non os haxa.
Por suposto, non podemos estar en absolutamente toda a Comunidade e coñecer todas as circunstancias, pero si que estamos presentes nunha importante parte do territorio galego e non temos coñecemento de que se estea facendo este traballo.
Temos polo tanto dúas preguntas:
Que está facendo esa xefatura territorial para asegurar a reorganización das áreas de influencia galegas para adaptalas á nova normativa provocada pola aprobación da Lei 3/2020 ?
Por que, 35 anos despois da súa aprobación, a Xunta de Galicia continúa permitindo que moitos concellos galegos continúen incumprindo o artigo 15.5 da Lei 3/1986 no que se di claramente que “Os municipios que dispoñan polo menos dun colexio de EXB deberán constitui-lo Consello Escolar Municipal” ? . Máis aínda agora cando que esa permisividade potencia a falta de diálogo e participación da comunidade educativa na fixación das áreas de influencia.