CONTESTACIÓN AO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN A SÚA INTERVENCIÓN NO PARLAMENTO O 08-03-2022
Lemos na prensa, escoitamos no Parlamento, e vemos na propia páxina da Xunta unhas declaracións do conselleiro de educación que nos deixan absolutamente perplexas, pero non caladas, porque mentres o noso conselleiro de Educación, Universidade e FP gábase dos millóns que van investir, coma se fosen del, que a fin de contas o seu traballo é xestionalos axeitadamente; pois iso, mentres el saca peito con novas de fantasía, nós temos algo que dicir:
- Fala da evolución dos Espazos Maker (??) implantados como experiencia piloto en 20 centros –
lembremos que en Galicia hai máis de mil centros públicos-como espazos físicos de co-creación dende unha perspectiva de competencia STEM. Que bonito soa, que ben escrito, que alto falamos e con canta labia!!; pero resulta que algo tan básico coma o de cubrir as prazas vacantes do profesorado, pois non está na axenda. Seica carece de importancia cubrir as baixas de menos de 15 días, por iso desaparecen das listaxes públicas, para que non se vexa que a consellaría, logo do escándalo do mes de decembro pasado, continúa coa política de miseria, negándolle as nenas e nenos galegos o máis elemental dereito a teren un docente de seu, non un emprestado por horas.
Nesas aulas é onde están TODAS as nenas e nenos galegas e non nesas outras vinte de relumbrón, pero así realmente é como está o Ensino Galego, algunhas terán espazos Maker, e perspectivas STEM, outras, as máis, non teñen nin docentes. - 120 millóns en adaptar o sistema educativo á era dixital- cousa boa e moi necesaria, aí coincidimos diñeiros que o conselleiro di que son para acadar “o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento”. Outra vez que bonito e ben escrito, máis conto!!.
Mágoa que teremos que poñer unha vela a algún santo laico para que a cobertura de internet chegue a todos os recunchos do territorio, porque de non ser así non imos acadar esa transformación dixital, nin agora nin en moitos anos;mágoa tamén que o profesorado careza da formación necesaria para incorporar a formación dixital -non os ordenadores, conselleiro, o ecosistema educativo dixital non son os ordenadores, é máis ben a capacidade para saber utilizalos facendo que sexan a ferramenta dun novo modelo educativo- ; mágoa por último que nos currículos educativos galegos continuemos deixando de lado a formación dixital do alumnado, e así temos a alfabetización dixital que temos; así pouco ecosistema imos conseguir. Agás de que sexa un ecosistema privado, quizais por aí vaian os intereses do conselleiro. - Imos tamén avanzar en E-Dixgal, que semella o conto de nunca rematar, agora súmanse 75 centros, a este paso non chegamos. Un E-Dixgal que trae de cabeza ás familias galegas, porque ao final, e á parte de ter que pagar un seguro privado por se se estraga o ordenador emprestado, E-Dixgal é a mesma estratexia educativa que antes cos libros de texto, agás honrosas excepcións, pero en pantalla pequena, (cando non se pretende traballar con libros e ordenadores á vez como ocorre en moitos centros; libros que, por certo, nese caso ninguén subvenciona); un E-Dixgal que, tamén, non ten os contidos adaptados á nova lei, certo que polo retraso estatal na publicación dos currículos, certo tamén que pola negativa endémica galega á realización de materiais propios que poderían obviar parcialmente a dependencia a Madrid, pero que, claro, tamén quitarían negocio ás editoriais que son moi queridas pola Xunta de Galiza.
Quizais cando sexa operativo o novo Centro de Innovación Educativa e Dixital se poida formar ao profesorado, alumnado e familias en como utilizar esa seica fabulosa ferramenta que din que é EDixgal.
Curioso goberno que primeiro lanza as estratexias e logo crea un centro para deseñalas. - Informámonos de que teremos 134,6 M€ (imos nós tamén a utilizar a curiosa maneira de escribir
datos da propia consellaría) para que o 100 % das aulas sexan dixitais. Ese dato é o mesmo que a AMTEGA ten colgado na súa páxina web dende o 13 de maio de 2021, (estaría ben que se reciclaran as novas e non se repetiran, soa a propaganda) e consiste na adquisición, en tres anos, de 5.000 paneis interactivos para as aulas, o que se chaman pizarras dixitais que están a utilizarse igual que os vellos encerados maiormente –novamente porque non é a ferramenta a que fai ao artesán, senón o coñecemento do material que ten que utilizar- , 45.000 ultra portátiles, equipos para 2000 aulas, e 55.000 equipos fixos e portátiles para as docentes. Está ben, non nos parece mal. Pero dicimos o mesmo que antes, previo a iso ten que haber conexións e formación. Hainas? Non nolo parece.
En fin, as declaracións de intencións sempre están ben, mesmo ilusionan, máis cando miramos a letra pequerrecha decatámonos da triste realidade. Neste caso, a da inversión para o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento. De tódolos xeitos alegrámonos enormemente de que teñan en conta tamén os centros de Formación Profesional á hora de incluílos neste gran proxecto.
Nas declaracións do conselleiro que comentamos, non deixa de sorprender que se atreva a mencionar a “falla de diferenza” entre o eido rural e o urbano en canto aos proxectos consolidados que levan ao ensino galego a ser referente en resultados. Dende logo o falar non ten cancelas. Ás veces pensamos que vivimos en “rurais” diferentes; as nosas Anpas viven nun rural sen facilidades de ningún tipo, sen transporte nin gratuíto nin non gratuíto para o alumnado que non curse ensino obrigatorio, que ten que emigrar para continuar estudando;
sen ensinanzas de música, arte, idiomas ou mesmo con algunha oferta deportiva; co constante temor a que o curso seguinte desaparezan aulas, ou colexios ao completo. Tamén, e dicímolo con claridade, con boas profesionais que son realmente as que conseguen os resultados, non as estratexias -inexistentes- da administración educativa. As Anpas do rural da consellería non sabemos onde viven.
E chegamos á atención á diversidade. Non discutimos que haxa eses preto de 4000 profesionais que di o conselleiro que hai nos centros galegos, supoñemos que son a suma de PT, AL e orientadoras, non temos eses datos nin aparecen nos publicados pola consellaría, pero si temos os datos que nos proporcionan as familias, e nolo din claramente: o que hai non chega nin de lonxe, é insuficiente; o tempo para emitir unha avaliación dun alumno ou alumna é excesivo porque os profesionais non dan abasto en boa parte dos casos, moitos centros comparten algún especialista, non hai unha continuidade que é máis que necesaria para a atención ao alumnado con necesidades especiais.Noutras cousas poderemos discutir quen manexa os datos máis exactos; en atención á diversidade non. Falta moito, moito, para que iso sexa unha realidade da que poidamos sentirnos orgullosas.
Outro tanto se falamos de convivencia, efectivamente temos un órgano no que as familias participamos a través dos nosos representantes, o Consello Galego de Convivencia que se reúne unha vez ao ano , segundo a normativa que o regula, iso si, unha vez ao ano pero non de todos os anos se atendemos á experiencia. E cando se reúne é para escoitar o discurso triunfalista do conselleiro. E a convivencia nos centros continúa a ser un mero catálogo de multas e sancións. Sen comentarios.
E que dicir do benestar emocional cando levamos tres cursos reclamando a posta en marcha de medidas efectivas e reais ?, medidas coas que enfrontar as situacións que afectan á saúde mental das mozas e mozos e que derivan da crise sanitaria, que están reclamándose a boca chea por parte das profesionais da saúde, e que a Xunta de Galicia pretendeu resolver con outro dos seus plans fantasma, ese Plan de benestar emocional do que nada se sabe nin para nada serviu ata o de agora.
E o de Galicia, un modelo para o Estado: por favor, conselleiro, a política fágaa na web do partido, non na da consellaría que non é da súa propiedade. Preocupémonos de avanzar en termos un mellor Ensino Público Galego, que con iso xa temos abondo que rascar, e deixemos de lado as comparacións que sempre foron perigosas. Se temos algo que achegar ao resto fagámolo con honestidade, e permitímonos dicirlle algo: ser mellor que outro que non é bo tampouco é grande cousa; o importante é estar certo de facelo ben, e os resultados educativos, os de verdade, non os que se publican oficialmente, deixan moito que desexar neste País.