Vémonos o 17 de maio en Compostela “por un novo futuro para a lingua”
En galego agora e sempre. Este é o lema deste ano na manifestación de Queremos Galego o día 17 de maio. Resume perfectamente o noso desexo, a nosa loita permanente, e a nosa intencionalidade; o Ensino, a educación, a convivencia, a vida toda ten que ser en galego neste País noso.
Para aprender, para querermos, para estarmos orgullosas de quen somos, para que saibamos defender o que temos, para abrir as portas a outras xentes que veñan a vivir canda nós e a compartir o noso, para andar polo mundo, e para que o mundo ande pola nosa Terra. Todo pode facerse en galego, todo ten que se facer en galego.
Compartimos o comunicado emitido desde a plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país – entre elas ANPAS Galegas- polo que se convoca a sociedade a manifestarse o 17 de maio ás 12h entre a Alameda e a Praza da Quitana baixo o lema “En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua”.
Compostela, 28 de abril de 2022.- Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, anunciaron esta mañá, acompañados por profesionais do audiovisual galego, que o 17 de maio sairán ás rúas de Compostela para “evidenciar que a situación do galego non é irreversível” e “que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”. Haberá transporte dende todas as comarcas galegas, para facilitar o desprazamento. A información dos puntos de saída estará dispoñíbel na web queremosgalego.gal.
O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, recordou na presentación que todos os avances para o galego se conseguiron “pola perseverancia e polo esforzo do pobo galego”, como a incorporación do galego ao catálogo de Netflix ou a recente sentenza do TSXG contra Facenda por atacar os dereitos lingüísticos dun cidadán galego. Maceira advertiu que “a sociedade galega está soa, sen institucións que a amparen na defensa da lingua” e salientou que “é hora de que isto mude e os poderes públicos, comezando polo novo presidente da Xunta, abandonen a súa política de agresión sistemática ao galego e comecen a exercer a súa responsabilidade na defensa dos intereses de Galiza e da súa lingua”.
A plataforma reclama a posibilidade de vivir “en galego agora e sempre” e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa, pero dende Queremos Galego recordan que para que que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade “en todo e para todo”.
“Mesmo os pequenos pasos que como pobo conseguimos para o noso idioma están sometidos a revisións constantes”, advertiu Maceira. “Só hai que ver como despois da ampla campaña social e da unanimidade política acadada arredor da iniciativa Xabarín”, recordou, “o debate no Congreso pode acabar limitando os avances en horas e cotas de emisión a unha soa das linguas cooficiais”. “É unha vergoña que non imos permitir que o recoñecemento da pluralidade lingüística no audiovisual, onde Galiza foi quen levou o maior peso na iniciativa social, poida rematar por excluír precisamente o galego“, rematou.“Un novo futuro para o galego é posíbel”, asegurou Maceira, “se todas e todos, cidadanía, entidades sociais e gobernos imos na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel. A lingua galega une, é o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza. A manifestación do 17 en Santiago servirá para que a Xunta de Galiza comece a actuar en consecuencia”.
Na fotografía, o equipo de Queremos Galego: Fernando Lacaci (ANPAS Galegas), Suso Bermello (CIG), Lucía López (BNG), Patricia Varela (AS-PG), Andrés Bellas (APRADOGA), Iria Taibo (AGPTI), Xosé Lois Ledo (AGAPI), Toni Salgado e Xosé Barato (AAAG).
Plataforma Queremos Galego