11 de outubro, día mundial da Nena
Hoxe é o día da nena. Un día no que Debemos, con maiúscula, dedicar o noso tempo a pensar que facemos pola educación das nosas nenas, que facemos realmente polo seu futuro.
Hai un determinado tipo de discurso, o que pretende retroceder no tempo e nos dereitos, que di que non hai porque facer “días de” dedicados ás nenas, ou ás mulleres, porque xa teñen os mesmos dereitos que os nenos e a diferenciación é falsa e maniquea. E iso dino precisamente quen defenden a perda deses dereitos, a persistencia de roles e presuncións que teriamos que ter aniquiladas, pero que a lle veñen moi ben a segundo que ideoloxías e intereses.
Por suposto que no contexto global temos moito que defender e situacións moi lamentábeis cando falamos de como se está educando, criando, atendendo e dificultando a vida a todas as nenas do mundo; por suposto que hai situacións temíbeis que fan que os nosos problemas occidentais se convertan en pequeneces con pouca importancia relativa. Pero non hai que esquecer que as persoas podemos loitar en diferentes niveis, e demandar en diferentes ámbitos. E aquí temos un, propio e definido, que tamén nos impide avanzar cara á igualdade que dicimos querer.
As nenas na nosa sociedade non están tendo unha presenza homoxénea nas áreas do saber, do coñecemento, do traballo ou da xestión de coidados. Aínda hoxe temos constantes estatísticas que din que as nenas asumen os alicerces dunha preparación para unha parte do rol feminino máis arcaico e superábel, o de ser a primeira en coidar, o de preferir profesións vencelladas á súa condición feminina tópica, o de auto censurar a súa presenza en ámbitos de especial dureza ou dificultade física, independentemente das súas condicións reais, o de ter soldos de segunda e oportunidades de terceira na súa vida profesional, o de asumir que a conciliación é a súa obriga persoal prioritaria, e que a crianza e o coidado caerá sempre dentro do seu peto.
E que facemos para resolver esas eivas? protestar e dicir que o resolvan outras?, Iso non serve. Criemos ás nosas fillas na igualdade absoluta, na de que todo está ao seu alcance e na de que teñen todos os dereitos, e fagámoslles un acubillo de suficiencia e seguridade. Porque o futuro das nosas nenas estámolo facendo nós, por elas, e tamén pola sociedade na que desexamos vivir.