15 de outubro, día mundial das Mulleres Rurais
Día das mulleres rurais. Das mulleres bravas, afoutadas, base e sustento do rural galego.
Sen elas non teriamos o que temos, e aínda de telo non sería o que é. As mulleres, en xeral, son as grandes educadoras da nosa sociedade, tanto na casa como na escola, foi -e aínda segue a selo en demasiados casos- determinante a súa presenza na aprendizaxe e na formación das novas xeracións.
E se acaso no mundo rural foi algo máis, a muller que estaba ao coidado da casa e das fillas e fillos foi quen transmitiu a realidade cultural e familiar do contexto no que se vivía, foi quen, intercambiando o traballo coas mulleres de antes e de despois, construíu o piar básico sobre o que se apousentaba a unidade da casa.
A muller rural traballou, e traballa, en todos os ámbitos da vida, ensinou dedicación e cariño, tradición e constancia, pero tamén modernidade. Empurrou ás fillas e fillos ao estudo para que “non fosen coma ela”, esquecendo moitas veces que ela precisamente era o mellor exemplo de vida que cabía coller.
Agradecemos a esas mulleres o seu esforzo no pasado, e quixeramos que o presente fose diferente, máis igualitario, máis equitativo, máis amábel, imos pensar que algo cambiou e que así se vai asentando outra maneira de entender a posición de mulleres e homes no mundo, e que o noso rural agora, o que queda del, xa está baseado noutra cultura que respecte e agarime ás persoas que nel viven.
Pero por se acaso, parabén neste día que se lles dedica, que nunca está de máis un aloumiño.