Boas festas e feliz ano 2023!
En ANPAS GALEGAS non somos de moito crer en lendas e misterios, e rexeitamos certamente que as relixións entren nas escolas, pero tamén sabemos que Nadal xa non é a festa de ninguén, porque é dende hai moito tempo a festa de todas.
Así que, por unha vez, non imos facer críticas, non imos dicir o que funciona mal, nin o que debera resolverse; imos tan só a mirar á cara das nosas pequenas e pequenos, a celebrar que podemos facelo sen máscaras polo medio, sen medo e sen restricións. Imos tentar ser un pouquiño felices: quen queira celebrar o inverno, que encha o ar de folerpas; quen queira celebrar a compañía, que se xunte cos que queira, e cos que lle queiran; quen desexe cantar, que cante; quen teña folgos para xogar, que se tire no chan coas crianzas e esqueza o tempo e os problemas un anaquiño, e a quen lle pete un baile, que mova as pernas e se deixe levar.
Alegrémonos de estarmos xuntas, de compartir o mundo que temos, de traballar para melloralo e de poder facelo na nosa pequena medida. Alegrémonos do descanso e da festa, que fan falta e son necesarias; e fagámolo coa tranquilidade de estar facendo sempre o mellor que podemos.
Tede, teñamos, unhas boas festas. Collede, collamos, forzas para o ano que entra, que vai ser complicado coma sempre, pero seguro que é algo mellor que o que remata; e lembrade que os problemas deben collernos sempre cun sorriso nos beizos, ese mesmo que se nos pon cando pensamos con calma na cara das nosas fillas e fillos, cando ninguén nos mira.
Boas Festas e Feliz Ano 2023.