Día internacional das Persoas con Discapacidade
Ímolo dicir ben claro, que semella moitas veces que edulcoramos as mensaxes. Aquí, agora, neste mundo que vivimos, a ver se nos enteramos, estamos maltratando ás persoas con discapacidade, maltratándoas porque aínda hai moita xente que pensa que hai que tratalas dun xeito especial e con mimo pero que iso non pode levar aparellado traelas á casa de todas, sentalas á mesa de todas, e compartir con elas o xantar de todas. Esa casa, esa mesa e ese xantar que logo chamamos vida laboral, vida social, vida política ou vida educativa.
As persoas con discapacidade, dito rotundamente, somos nós, somos todas nós, cada quen coa nosa peculiaridade, coa nosa individualidade, coa nosa pequena circunstancia diferenciadora. A que non se vos ocorre autodiscriminarvos?, entón, por que non entendemos que hai que crear unha sociedade para todas, sexamos como sexamos e custe o que custe, para que ninguén sobre e ninguén quede fóra?
