Día escolar da Non Violencia e da Paz
Hai que ter coidado coa utilización de verbas como a Paz, e coa idea da Non violencia; quizais de tanto poñelos na palestra estamos moitas veces cosificando a súa mensaxe. Facemos un día da Paz, cantamos, representamos unha obriña de teatro, ou elaboramos un mural: facemos unha celebración, que é algo moi semellante a unha festa, e pasamos a outra cousa. Outrotanto facemos coa Non violencia: actividades, festexos, aseguramentos, e a outra cousa.
Pero a Non violencia e a Paz non son un motivo de festa, nin un lema, ou unha imaxe, ou un video. Que non sobran, pero non abondan.
A Paz e a Non violencia son a base social da convivencia, a esencia mesma da nosa evolución como individuos, o cemento dunha sociedade evolucionada na que gustamos de crer que vivimos. A Non violencia é o que queremos ter en cada relación, en cada contacto, en cada amizade. E iso conséguese só se a celebración e o festexo saen do seu día e impregnan a vida toda, se promovemos a constante presencia desa idea básica: nunca se xustifica a violencia, nunca se pode autorizar a guerra, a Paz ten que ser a luz de cada mañá da vida das nosas fillas e fillos, a da nosa propia existencia. Celebremos o primeiro día do resto dun tempo de Paz e non violencia, e asumamos que na súa dificultade práctica está tamén o seu valor permanente.