Convocado o I Concurso Audiovisual “ANPAS Galegas – Somos Rural”
Dentro da constante defensa que a Confederación ANPAS Galegas realiza sobre o rural galego, convócase o I Concurso Audiovisual “ANPAS Galegas – Somos Rural” dirixido ao alumnado de centros públicos galegos.
O obxectivo deste concurso é contribuir á visualización dos aspectos menos coñecidos do noso rural para procurar a súa posta en valor entre o alumnado galego participante e o resto do País.
Poñer o rural en valor a través dun vídeo curto
O concurso está aberto a alumnado de centros educativos de ensino público das etapas de infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP básica ou FP de grao medio, así como alumnado das escolas municipais e conservatorios profesionais de música públicos que cursen actualmente as etapas anteriormente mencionadas.
O eixo central do concurso será a realización dun vídeo de entre 1 e 3 minutos de duración (de 60 a 180 seg.), que se entregará acompañado dun mínimo de 8 e un máximo de 10 fotografías de temática relacionada, así coma dun cartaz promocional e unha memoria explicativa. Ademáis, o proxecto debe utilizar exclusivamente a lingua galega e manexar unha linguaxe non sexista.
Bases legais e prazos de participación
Para participar nesta primeira convocatoria requírese realizar unha preinscrición antes do 28 de febreiro, no que se indicarán os datos de contacto da equipa, o título do proxecto e unha breve memoria na que se describa o proxecto a executar. A organización responderá ás equipas coa aceptación da participación e terán ata o 15 de abril para realizar a entrega do proxecto final.
Un xurado formado por representantes das federacións de ANPAS que conforman a Confederación de ANPAS Galegas será o encargado de seleccionar un único proxecto gañador, que obterá como premio o pagamento directo de ata 800 euros das facturas correspondentes a unha actividade extraescolar vencellada co patrimonio galego.
Este concurso é unha iniciativa da Confederación de ANPAS Galegas que está formada polas Federacións de ANPA de: Cangas do Morrazo, Comarcas Condado-Paradanta e Louriña, Federación Galega “Compostela”, Provincial da Coruña “Costa da Morte”, FerrolTerra, Provincial de Lugo, Val Miñor e Vigo.
As persoas interesadas en participar poden atopar máis información na web do concurso, somosrural.anpasgalegas.gal/concurso, e nas redes sociais baixo o cancelo #presumederural.
Anímate a participar e presume de rural!