OUTRO 8 DE MARZO
Celebramos este mércores un novo 8 de marzo, día internacional da muller, cun sabor agridoce á hora de presentalo. Por unha parte, hai que recoñecer os enormes avances que se levan producido nos últimos anos na consideración e o respecto da igualdade de dereitos e oportunidades; por outra, temos que denunciar a existencia dun sector na poboación onde o puro atavismo na visión fai que semelle que andamos a dúas velocidades; ou máis ben, que uns avanzamos, mentres outros teiman en retroceder.
A igualdade, porque diso vai a celebración deste día, non é xa un obxectivo social no que poidamos aturar estados intermedios de avance, xa non hai escusas para adiar un pouco máis a súa presenza. A igualdade é o foco no que teñen que confluír todas as políticas e todas as accións sociais, e calquera ataque, ou non defensa, non é xa un resto do pasado que poidamos entender, é directamente un ataque contra os dereitos fundamentais de todas e todos, de mulleres e homes, da sociedade ao completo que, rotundamente, ou vive en igualdade, ou vive fóra da legalidade e da ética que aceptamos.
Por iso, resulta de absoluta denuncia a pretensión dunha parte –queremos pensar que minoritaria- da normalidade educativa que continúa outorgando á igualdade o papel de circunstancia ocasional na vida dos centros escolares; deixando á cerimonia e ao circunstancial as actuacións en igualdade e sen tentar incorporala a toda a vida ordinaria dos centros educativos.
Ten boa parte da responsabilidade, coma sempre, a consellaría de educación, que ten sen desenvolver, logo de preto de vinte anos, a figura da persoa impulsora de medidas educativas que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, que é o que ordena o art. 126 da Lei Orgánica de Educación. Que ocorre cando algo non está desenvolvido?, pois que é papel mollado; e agora mesmo coexisten centros onde esa figura ten unha gran presenza, con outros –unha boa parte deles- nos que nin sequera saben que teñen que nomear a esa persoa ao se constituír o Consello Escolar.
Porque, saíndo xa do ámbito educativo, a igualdade, coma sempre dicimos, non é opcional, non é ocasional, non é propia dunha actividade ou dun festexo, debera ser o ar que respiramos todos os días, e a base da máis absoluta das normalidades; non é un desexo, é unha esixencia que nos impoñemos a nós propias todos os días, e en todas as circunstancias, está en toda a normativa, e debera acompañar todo o noso quefacer.
Cal é logo, e aínda, o erro que cometemos?. Moi simple, non estar constantemente esixindo que esa igualdade sexa real, efectiva, certa, incontestábel, presente e dispoñíbel en cada momento da vida en xeral, e nas escolas en particular.
Porque, terribelmente, se non a esiximos, haberá quen a negue e a discuta, e iso non podemos permitilo.