Rábade acolle o 18 de marzo a xornada “Por que necesitamos un plan educativo para o rural galego?”
Nós somos rural, nós como galegas, nós como anpas, nós como persoas, todas somos rural neste País, porque este é un país rural por riba de calquera outra definición. Pero agora mesmo as presións económicas e interesadas de quen queren converter a nosa cultura nun obxecto de museo, e a nosa forma de vida nunha atracción turística, están facendo que ese rural que nos representa e nos explica estea cada vez máis lonxe das posibilidades reais de supervivencia.
Por iso, porque o noso pasado merece respecto, pero sobre todo porque as persoas que hoxe en día poboan o rural merecen apoio, queremos facer nosa a pelea por un rural no que se poida nacer, medrar e vivir como en calquera outro lugar.
Pois iso dicimos, e partillamos, que o rural galego precisa dun plan de seu que deteña a súa desaparición, e que entregue un futuro posíbel ás que hoxe o habitan, e a todas aquelas que queiran habitalo nun futuro. E iso faise con investimentos, con atrevemento, con gañas, e con interese; sen palabras ocas e sen declaracións de fume como as que temos de a cada pouco.
Que o rural galego teña presente e futuro depende de todas nós, da capacidade de facelo, e sobre todo da capacidade para esixilo. Nós imos pór o noso gran de area nesa esixencia.
PROGRAMA
10:30 – Presentación
10:45 – Presentación do Plan Específico para o Rural
12:00 – Rolda de intervencións
12:30 – Café
13:00 – Charla: “A custodia do territorio como ferramenta de xestión para as insuas do Miño e os Pozos do Ollo”, impartida por Martiño Cabana
14:00 – Xantar
16:30 – Ruta das Insuas
18:00 – Actuación musical: alumnado das Escolas de Música Mancomunadas dos concellos de Rábade, Friol, Outeiro de Rei e Begonte
INSCRICIÓNS
Animámosvos a participar nesta xornada inscribíndovos en https://bit.ly/planeducativoparaorural23
Descarga aquí o cartaz desta xornada e axúdanos a difundir esta iniciativa.