A Consellaría de Educación quere roubarlle unha semana de curso ao alumnado da ESO (outra vez)
Cando xa semellaba que as cousas se amañaran e o despropósito do calendario escolar do curso 2021-2022 se corrixira para este curso no que estamos coa orde do 27 de decembro pasado, e estabamos tranquilas pensando que aquilo fora un erro que estabamos dispostas a esquecer, a consellaría recunca nun erro similar co borrador do novo calendario escolar.
Onde o calendario deste ano pon claramente “a sesión da terceira avaliación parcial da educación secundaria obrigatoria deberá coincidir coa sesión de avaliación final”, a proposta para o ano próximo di o seguinte:
“… a derradeira das avaliacións pode coincidir coa data da avaliación na educación secundaria obrigatoria”.
Semella o mesmo, pero non o é, porque esa terceira avaliación adiántase ao 13 de xuño, mentres que a última realizarase necesariamente “a partir do 21 de xuño”.
Exactamente este foi o erro que denunciamos repetidamente no curso 2021-2022 e foi o que propiciou o caos organizativo na finalización daquel curso, cando o alumnado que xa aprobara toda a materia non foi atendido nas aulas, ou foino deficitariamente, porque a atención se derivou ao alumnado suspenso no mellor dos casos.
As familias, todas e unanimemente, demandamos o cambio que se produciu coa normativa de decembro pasado, e non entendemos este novo retroceso normativo, que só redundará en que as nosas fillas e fillos perdan unha semana dun curso escolar que xa é escaso e mal organizado dabondo.
O calendario escolar non pode debaterse exclusivamente no seo dunha mesa sectorial, é un tema que afecta a toda a comunidade educativa, e ten que estudarse no único órgano no que estamos todas representadas, que é o Consello Escolar de Galicia.
E dende logo, como dixemos ata a saciedade, non pode organizarse a partir da comenencia administrativa dos centros escolares, as súas direccións, ou a propia consellaría, ten que organizarse dende a mellora da atención ao alumnado, que é a razón, o eixo e a base do sistema educativo. E o que menos necesita o alumnado galego é que lle rouben clases.