Concurso Audiovisual ANPAS Galegas-Somos Rural: todo un acerto!
Foi un acerto, así temos que definir o resultado desta primeira experiencia. Un acerto mirar en positivo, un acerto mirar con ilusión, e un acerto enorme reclamar a participación dos centros galegos nesta primeira edición dun modesto pero importante concurso educativo.
Sen abandonar a reclamación e a demanda de melloras, é importante salientar o que xa levamos tempo vendo entre a xente do rural: a felicidade coa que se vive nel, malia as dificultades, a conciencia de que é unha situación de privilexio poder gozar dese modelo de vida, a excelencia de moitos colexios rurais, onde as baixas ratios e a dedicación de familias e profesorado constrúen auténticas illas de convivencia e traballo.
Mirar o rural con criterio do orgullo de propio, do ben feito, do que queremos espallar para que outras o coñezan e disfruten é o mellor pagamento deste primeiro premio ANPAS Galegas – Somos Rural. Todas as que participaron deixáronos co sorriso nos beizos, todas foron magníficas e interesantes, todas merecían un premio. Mágoa non ter a posibilidade de dárllelo, mais de seguro que a equipa do CEIP de Os Casais de Fene fará moi bo uso do seu premio ao mellor proxecto por “O legado Indiano en Fene”.
E xa estamos coa segunda edición, ide preparando o que queredes mostrar ao resto das galegas e galegos, seguro que o recibiremos con ledicia!

