Feliz verán 2023!
Remata xuño e rematou o curso escolar. Estes últimos anos todos os cursos son “o primeiro de” ou o “derradeiro de“. Hai cambios constantes, novas lei, novos libros, novos currículos, novos itinerarios. Este curso foi o derradeiro da LOMCE e tamén o primeiro da LOMLOE, o próximo curso será o primeiro no que todo o estudantado galego se desprenda daquela lei nefasta que nos amargou a vida nos últimos dez anos.
É pronto para facer unha avaliación do que pasou, as novas normativas precisan anos de implantación, medios para se implantaren, e formación para facelo. De momento vemos algo de descontrol cunha final e curso en secundaria sen convocatoria extraordinaria, moito de despiste no que se pode facer en bacharelato co alumnado que aprobou e desperdicia todo o mes de xuño porque non hai medios nos centros para atendelo e ao mesmo tempo axudar aos suspensos.
Vemos que as preciosas iniciativas legais de apoio a quen o precise morren na inercia dun sistema que nunca axudou abondo a ninguén, e que ademais non ten xente abonda para enfrontar eses apoios.
Vemos que a atención emocional do alumnado segue a verse como “modernidade de escaparate” na que moi poucas cren, e case ninguén sabe como traballar nuns centros escolares que están concibidos ao xeito das vellas academias de transmisión de datos.
E tamén vemos que hai moita xente moza pulando por vivir, con esa forza inmensa que dá a xuventude. Vemos que hai profesorado que saca da súa propia vocación as gañas de educar á xente nova nun mundo novo, aínda que os medios non lles acompañen. Vemos tamén que hai familias que cremos nun ensino público de auténtica excelencia, onde a diversidade e a atención a toda a xuventude sexan a única guía, o único camiño polo que transitar.
Gocemos todas dun verán de tranquilidade e descanso, para volver en setembro con forzas a reclamar o que todas queremos, e só unhas cantas conseguen negarnos: unha escola viva e feliz onde a xuventude aprenda a ser ela mesma no mundo que lle acaia.
Aprender é grande cando é útil e nos afianza, cando contribúe a mellorar a nosa vida, e iso só pode facelo un Ensino Público real, galego e vivo.