Afíns
Unha pregunta que, tememos que unha vez máis, vai quedar sen resposta.
Como se organiza o tema das materias afíns na educación secundaria?
Si, xa sabemos que existe u real decreto, o famoso 286/2023 do 18 de abril, e iso é todo o que hai e non hai máis. O problema é que non da ningunha luz sobre o tema que nos preocupa.
Pero tamén sabemos que non existen instrucións que falen de como organizar o reparto das afíns dun xeito, polo menos, coherente; e por coherencia hai que entender garantir que o profesorado que imparta unha materia teña a formación abonda para poder facelo con solvencia.
De momento estámonos atopando con situacións que serían grotescas se non fose polos seus resultados, atopámonos con que calquera pode impartir calquera materia con tal de que estea disposto a facelo. E estar “disposto a” non é o mesmo que estar “capacitado para”, que é o que está a pasar.
Igual hai sorte e ese docente doutra materia que tamén ten que dar, por exemplo, plástica ten inquedanzas artísticas, ou verdadeiro interese en formarse (algo que ninguén lle esixe), pero se non hai esa sorte, teremos probablemente un bo docente da súa materia, pero que vai conseguir que as súas alumnas ou alumnos non teñan a mínima base en plástica, e que non poderán sacar partido ao seu talento artístico, co que xa terán as portas pechadas para encarrilar a súa formación nesa liña.
Poñede calquera materia no lugar de plástica, porque o mesmo ocorre co resto delas, todo vale, pero a nosa consellería segue a gabarse duns estupendísimos resultados que non son tales, pero que talvez puideran ser bastante mellores con algo de coherencia, daquela da que falabamos antes.
E xa non vos contamos o que ocorre se a persoa que está impartindo afíns ten que ser substituída, porque aí xa pode pasar calquera cousa, e non é culpa de ninguén, agás da consellaría por suposto.
Ninguén pide un especialista para cada materia, non somos parvas. Pero ter un criterio de base que, semella que aquí non abonda, sería o acaído. Non pode ser tan complicado, talvez organizando por ámbitos.
E isto é importante, sabedes, é a formación das nosas fillas e fillos, e de toda a xente nova do futuro, non?
Escrito enviado á Consellería de Educación
De novo, contactamos coa Consellería de Educación para trasladar o sentir das familias e reclamar unha regulamentación sobre as materias afíns. Aquí podedes consultar o documento presentado este xoves 6 de xullo: