Preocupación no inicio de curso
Dende ANPAS GALEGAS vemos con preocupación como se está a desenvolver o inicio deste curso; aos recortes publicados no verán, que xa evidenciaban a falta de planificación da consellaría e o desinterese absoluto por mellorar o Ensino Público, sumámoslle o descontrol que existe nestes primeiros días do curso.
Todas somos conscientes da perda de poboación, e da súa consecuencia na baixada de rateos nos centros de ensino; circunstancia que ben podería reverter, e de feito debera facelo, nunha mellora da calidade, mantendo as unidades e as prazas de profesorado, como reclamamos toda a comunidade educativa, pero unha vez máis vemos que o único criterio que é quen de seguir a consellaría é o económico, continuando na súa consideración de que todo gasto é un malgasto, algo que en educación e neste caso é totalmente falso.
A casuística é variada pero queremos falar especialmente do peche dos tres colexios: o CEIP Torrexallóns de Laxe, o colexio Pousada Carcacía de Padrón e a EI de Carnés, Vimianzo, por falta de matrícula, talvez sexa unha ocasión perfecta para facer unha análise do que está a acontecer nas zonas rurais e o drama que supón para todo o país que estean pechando colexios por falta de nenas e nenos. Todas sabemos que non van ser os únicos e tamén sabemos que é un problema social, canto antes se recoñeza que existe, antes poderemos atopar solucións.
Non deberían ignorarse as mobilizacións e manifestacións das anpas sobre estes recortes, non son unha nin dúas, e aínda que tanto valor ten unha queixa individual como unha multitudinaria, si que é significativa a cantidade de familias que reivindican o seu dereito a un ensino de calidade mobilizándose en contra dos recortes.
Lembramos que un ensino onde esteamos todas, e que ofreza para todas as mesmas oportunidades e apoios, que é o ensino que nós queremos, e tamén é o ensino do que o goberno galego fai constante propaganda, non se consegue sen medios. Eeses medios non son outros máis que manter abertas as aulas, e dotalas de todo o persoal que se precise para que a equidade do sistema e a atención á diversidade deixen de ser referencias ocas diante da prensa.
Os problemas están aí, á vista, en moitas ocasións as ANPA, que somos xente que temos outras ocupacións e non moito tempo dispoñíbel, non poderemos facer mobilizacións visíbeis, e quizais semelle que non pasa nada. Pero si que ocorre, e o descontento e a desconfianza cara a un Ensino Público mal xestionado son cada vez máis presentes.
Podemos citar varios casos, o CEIP Os Muíños, o CEIP San Luís Romero, o IES Agra de Leborís, o CEIP Otero Pedrayo todos eles da Costa da Morte, o CEIP Ricardo Gasset do Incio, o CEIP da Pobra de Brollón, ou en Ferrolterra o CEIP Eladia Mariño CEIP A Gándara e CEIP San Xoán de Filgueira; CEIP de Présaras (Vilasantar), CEP de Ventín(Ames), CEIP A Ramallosa (Teo), CEIP López Ferreiro (Santiago), CEIP Lamas de Abade (Santiago), CPI Fonte Díaz (Touro), CEIP nº 1 de Melide, en Redondela: EEI A Marisma de Redondela e a EEI San Pedro de Cesantes, CEIP San Roque ou o CEIP Castrillón en Cangas.
En todos eles falamos de supresión de unidades, de prazas de especialistas en apoio educativo, en horas deses especialistas ou de prazas doutras especialidades de infantil ou primaria,de agrupamentos forzosos, non cobertura de postos vacantes e falta de dotación de persoal especialista en atención á diversidade e en todos eles a comunidade educativa considerámolos un grave ataque á calidade do Ensino nese centro.
Estamos lonxe de poder presumir de ensino en Galicia con este panorama.