Xuntanza coa Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa sobre o Plan Integral de Acoso e Ciberacoso en Galicia.
O día 24 de outubro asistimos á xuntanza convocada pola Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para falar o Plan Integral de Acoso e Ciberacoso de Galicia.
O acoso escolar é un dos problemas que máis nos preocupan en ANPAS Galegas e que vemos que, lonxe de resolverse, está empeorando. As ferramentas que pon a Consellería a dispor das familias e dos centros de ensino non están dando o resultado agardado e é hora de traballar sobre o tema e de procurar solucións que impliquen a toda a comunidade educativa.
Na xuntanza puxéronse enriba da mesa as cuestións que presentamos as familias de ANPAS Galegas en relación a este tema, tanto na prevención, como na detección e comunicación das situacións de acoso, e tamén as eivas no xeito de xestionalas que, con demasiada frecuencia, non dan os resultados agardados.
Falamos da necesidade de dar confianza ás familias. Tamén da necesidade de actualizar o protocolo e adaptalo ás diferentes etapas educativas, e máis de conseguir que eses protocolos se activen sempre que existan situacións que os fagan necesarios.
Falouse da necesidade de formación e información tanto para o profesorado, como para o alumnado e as familias, e de facer chegar a toda a comunidade educativa esa formación e información.
Por parte da Consellería semellou mostrarse un interese real en atopar solucións e en implicarnos nesta labor, o que agradecemos polo que ten de cambio de rumbo e mellora de futuro.
Dende ANPAS GALEGAS sempre estamos dispostos a achegar o que estea nas nosas mans para contribuír a mellorar o ensino público e neste caso, para intentar resolver un problema que nos afecta a todas.