Convenio de colaboración co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e ANPAS Galegas
ANPAS GALEGAS ven de asinar un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia co fin de organizar actividades encamiñadas a promover o respecto pola diversidade e diferencias individuais e o dereito ao trato en igualdade das persoas no ámbito educativo.
As condicións de cada nena ou neno son diversas, e algunhas as volven especialmente vulnerables; situacións de malos tratos, acoso, por poñer un exemplo, son habituais e moitas veces descoñecidas para a comunidade educativa; se non se detectan, é moi difícil resolvelas, e tamén é necesario que os especialistas neste ámbito, os traballadores e traballadoras sociais, estean familiarizados con estas situacións e poidan actuar e mediar coordinadamente para resolvelas.
En ANPAS GALEGAS consideramos que a figura da traballadora ou do traballador social no ámbito educativo é fundamental.
No marco deste convenio, organizaremos unha serie de charlas dirixidas, por unha banda, ás directivas das ANPA, meramente informativas sobre a importancia do traballo social educativo, que poden organizarse de maneira presencial por zonas ou en liña.
Doutra banda, ofreceranse charlas destinadas ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de educación secundaria, cunha duración total aproximada dunha hora, que se realizarán no centro de ensino. O obxectivo é fomentar o respecto á diferenza e a identidade persoal entre iguais, falando da diversidade como aspecto humano, provocar a reflexión das nenas e nenos sobre as situacións de discriminación e exclusión que se poden dar nas aulas, e tamén intentando posicionar ao alumnado sobre os dereitos humanos, concretamente o de inclusión, dende o ámbito actitudinal.
E por último, levaranse a cabo charlas destinadas ás familias, coas que se persegue ampliar o seu coñecemento sobre a relación entre o sistema de servizos sociais e o sistema educativo, dando a coñecer este sistema; informando sobre como acudir, a quen, cando e que podemos esperar dos servizos sociais; ampliando o coñecemento sobre o sistema de axudas e bolsas para financiar os custos escolares, a estrutura de programas, bolsas e outros apoios das administracións públicas para facilitar o acceso ao dereito á educación, e tamén dando a coñecer a mediación como instrumento de resolución de conflitos.