ESCRITO DE ANPAS GALEGAS PARA AS ELECCIÓNS 2024
Pronto teremos de novo eleccións galegas, e non podemos esquecer a importancia que ten falar de ensino público nun momento no que tampouco semella ser unha prioridade, aínda que teremos que agardar a ver os programas electorais, e manter a esperanza de que se considere incluír a mellora do ensino neles.
Unha mellora do ensino que ten que partir necesariamente do que establece o artigo 27 da Constitución española, porque senta as bases do que entendemos por ensino público obrigatorio: é un dereito universal, ten por obxectivo o desenvolvemento pleno da personalidade, e debe ser gratuíto e democrático. Moitas destas obrigas xenéricas, e das súas consecuencias prácticas, non se están cumprindo, e este é un debate que hai que por enriba da mesa.
Necesitamos unha lei educativa galega. Como marco que sitúe cales son os obxectivos específicos do noso modelo educativo, mais tamén da nosa realidade social, cultural, xeográfica, poboacional e lingüística dentro da aprendizaxe que é o Ensino Público. E mesmo como elemento principal dunha nova regulación completa da lexislación aplicábel ao ensino público galego, actualmente espallada nunha multiplicidade complexa e dificultosa de normativas menores, parcialmente derrogadas ou variadas e sen homoxeneidade interna, e que provocan constantes dificultades interpretativas que redundan nunha escasa seguridade xurídica no día a día dos centros escolares. Necesitamos desfacernos das “normativas para primaria”, ou “normativas para cpi”, por poñer un exemplo, e enxergar o traballo de unificación de normativa no que sexa posíbel, que é moito, e de diferenciación en capítulos propios, e non en normas diferenciadas.
Dentro da demanda dunha nova normativa educativa, habería que traballar na creación e mantemento dun portal permanentemente actualizado no que calquera membro da comunidade educativa poida acceder á actualidade da normativa educativa, incluíndo calquera instrución que se remita aos centros educativos , que se nos está sistematicamente furtando ás familias e ao alumnado.
É preciso traballar, non só na integración real das familias na comunidade educativa da que formamos parte, senón na nosa participación activa e real, xunto co alumnado e profesorado, en todos os espazos comúns, na comunicación co fin de previr conflitos e de resolvelos con eficacia e rapidez no caso de que se cheguen a producir e na creación dun espazo de confianza onde esa comunicación sexa doada.
Seguemos a ter eivas na formación dixital que se imparte no noso sistema educativo, articulada a través de Edxigal, unha proposta con importantes limitacións, que pouco supera ao modelo de ensino centrado nos libros de texto, que reproduce moitas das súas limitacións, e que segue a crear desconfianza pola súa escasa efectividade entre as familias e, cónstanos, que tamén entre o profesorado. Ademais seque sen estar claro que pasa cos libros de texto nos cursos incluídos no proxecto E-dixgal; podénse exixir? e si é así, por que estes cursos quedan fóra das liñas de axuda?,e as familias seguen a costear o seguro necesario para poder empregar este recurso nos seus fogares.
Demandamos un novo modelo de educación dixital que garante que a infancia e a mocidade do noso país adquira unha competencia dixital completa para facer un uso responsable, seguro, crítico e activo das tecnoloxías, respectuoso coa dignidade humana, os dereitos fundamentais e coa intimidade individual e colectiva. Para iso é necesario apostar outra proposta de educación dixital que leve un plan obrigatorio de formación do profesorado, que permita a súa constante actualización, e que promova tamén a formación de nais e pais.
Precisamos dun Plan integral de galeguización lingüística do ensino público; se o mundo analóxico xa está demostrando a constante perda de galego falantes; e o papel negativo que a escola está tendo neste momento para a preservación da nosa lingua; entrar no mundo dixital, que está maioritariamente dominado polo inglés e, con moita menor presenza, o español, pode supor a desaparición absoluta do galego como lingua de uso universal para a nosa xuventude.
Precisamos dun Plan integral para o mundo rural galego, non só no que atinxe ao Ensino Público, senón para preservar e defender un lugar onde ese Ensino poida desenvolverse, e para que as persoas que estuden e vivan no rural non o fagan coa conciencia de teren que abandonalo en canto cheguen a secundaria ou, como moi tarde, ao bacharelato. O rural ten que ser un lugar para vivir e medrar, para ter fillos-as e ter a certeza de que eles-as van ter a posibilidade de ter alí a súa vida. Sobre este tema xa traballamos moitas veces, achegamos un traballo, moito máis desenvolvido que este parágrafo, que fixemos no seu momento.
É igualmente necesario un Plan específico de atención ás necesidades específicas de apoio educativo; seguemos a ter un sistema educativo deficitario en canto a atención á diversidade, é imposible acadar un ensino público inclusivo cando non hai medios suficientes para chegar él; non ten ningún sentido aplicar ratios obxectivas á hora de dotar a un centro dos especialistas dun apoio educativo que ten que basearse nas persoas concretas que teñen dereito a recibilo; tampouco ten sentido estar todos os anos cambiando eses especialistas porque o beneficio que recibe o alumnado que o precisa é mínimo e cuestionable.
É necesaria e urxente a revisión dos protocolos educativos e nesa revisión hai que incluír unha parte indispensable de formación do profesorado e de información para as familias e o alumnado, canles de comunicación áxiles e procedementos burocráticos efectivos e rápidos.
Hai que reformar o bacharelato, que neste momento está organizado exclusivamente como un paso previo a unhas ABAU competitivas e clasificatorias; temos que conseguir que eses dous cursos teñan un valor educativo, e que o acceso á universidade non sexa esta carreira de fondo na que sempre perden as mesmas.
Urxe tamén por parte da consellería de educación a asunción de todos os comedores escolares galegos como comedores de xestión directa da xunta. O servizo de comedor escolar débese considerar como un servizo educativo complementario e universal , que incida tamén na adquisición de hábitos de alimentación saudables, sen perder de vista a súa función de compensación social e de conciliación laboral e debe ter garantida a dotación económica suficiente para ofrecer un servizo de calidade.
Precisamos dunha abordaxe conxunta ao respecto do transporte escolar, cheo de eivas a día de hoxe e, sobre todo, que non está a dar a resposta necesaria como servizo complementario que é para ao conxunto do alumnado galego. E asegurar un traxecto máximo de 30 minutos de ida, ou de volta, para calquera escolar galego.
Non podemos esquecer que o alumnado de ensino non obrigatorio non ten garantido o transporte ao alumnado da etapa 3 a 6 nin aos IES e centros de FP; no mellor dos casos os horarios do transporte público non se adaptan aos horarios escolares, e na maior parte, nin sequera existe a posibilidade dese transporte público. Isto sucede en boa parte do rural galego aumentando unha vez máis as desigualdades entre o alumnado rural e o urbano. Precísase unha vertebración real do territorio que permita a mobilidade e non obrigue ás familias a mandar a estudar fóra ás nenas e nenos con dezaseis anos.
No tema do transporte en xeral, e especificamente no que se refire ao alumnado que ten problemas para desprazarse segundo dicimos no parágrafo anterior, achegamos tamén un traballo feito por esta Confederación fai uns anos, certo que son datos do 2019 que foi cando fixemos este estudo, pero que se poden extrapolar porque á realidade actual non supuxo ningunha mellora, máis ben ao contrario…
É tamén urxente a modificación do mapa escolar galego: coa creación dunha rede de unitarias para infantil e 1º ciclo achegada ao domicilio das nenas-os; e dunha rede de centros de primaria, secundaria e bacharelato coa premisa de: manter as mesmas opcionalidades en todo o territorio (aínda que haxa que recorrer á figura de profesor itinerante, ou da mestura das clases presenciais e en liña, ou calquera outra fórmula que permita salvagardar a equidade na escolla), manter unha rede completa de atención á diversidade en cada centro (departamentos de orientación ben dotados e permanentes). Outra das teimas da confederación sobre a que presentamos algunha reclamación que achegamos.
Hai que repensar tamén nos modelos de centro que queremos, as súas dimensións, instalacións, ubicacións no territorio, que favorezan un maior benestar, integración na contorna e desenvolvemento integral do alumnado.
E sen esquecer a urxencia de establecer a utilización social dos centros escolares, dando obvia preferencia á propia comunidade educativa, pero facilitando que as súas infraestruturas e equipamentos van ser optimizados co maior uso posíbel para a xuventude e a sociedade xeral.
É precisa a modificación da normativa que afecta ás asociacións de nais e pais. Clarificando as súas obrigas, dereitos e competencias dentro da comunidade educativa galega.
É tamén é importante a normativización da documentación obrigatoria para os centros escolares, coa publicación de modelos-tipo de contido esencial que debera respectarse e que serían de aplicación subsidiaria no caso de non estar actualizada, como pasa moi a miúdo, á documentación dos centros.
Hai moito traballo que facer polo ensino público.