Xuntanza coa DX de Ordenación e Innovación Educativa.
O día 15 de maio, representantes da confederación ANPAS GALEGAS acudimos á convocatoria de xuntanza da Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para falar sobre Edixgal.
Dende ANPAS GALEGAS trasladamos a preocupación pola polémica xurdida sobre o funcionamento deste proxecto, o que interpretamos como a evidencia dunha serie de eivas e problemas que é preciso coñecer e resolver. Asemade manifestamos que non é a nosa proposta dar un paso atrás, porque iso non é unha solución; senón que é necesario que o ensino evolucione ao mesmo ritmo que a sociedade no eido dixital, dun xeito seguro e cun proxecto compartido por todas as partes que formamos parte do ensino público. Neste senso puxemos enriba da mesa a falta de información ás familias sobre o funcionamento do Edixgal e tamén de formación de toda a comunidade educativa en xeral.
Outro dos temas que tratamos foi o seguemento que se está a facer deste proxecto, medida necesaria para poder solucionar os problemas que xurdan. A resposta das representantes da consellería foi positivo, no senso de que si existe esa monitorización dos centros inscritos no programa, pero que non hai conclusións que nos poidan transmitir neste momento; tamén manifestamos que botamos en falta información sobre a folla de ruta da dixitalización do ensino ao cal responderon que nos informarán nunha próxima convocatoria de xuntanza.
Sobre o tema recorrente de dar unha solución sobre as axudas para mercar libros de texto nos cursos inscritos no programa Edixgal, novamente non deron resposta.