COMUNICADO ACCESO AOS DATOS DOS CENTROS ESCOLARES
A pasada semana difundiuse nos centros educativos lucenses, e indirectamente nos do resto do país, unha “instrución” sobre como as direccións dos centros debían proceder diante da solicitude de información que lles realicen as ANPAS:
Estamos falando de impedir, dificultar, ou como mínimo dilatar o acceso da sociedade xeral ao número de alumnos-as que ten un centro, ao catálogo de persoal do mesmo, ao número de alumnas-os con necesidades educativas especiais ou a calquera outro dato non privado que defina a normalidade dun centro educativo.
Se xa é grave abeirarse na normativa de transparencia para pretender lograr o efecto contrario ao que esa normativa pretende; moito máis grave é pretender impedir concretamente á ANPA, un membro nato do Consello Escolar, o principal órgano de goberno democrático dun centro escolar, o acceso a información que lle permite desenvolver as súas funcións de participación marcadas na normativa educativa.
É obvio de onde ven a intención da “instrución” difundida. Estamos asistindo a unha vaga de mobilizacións polos recortes de persoal impostos pola Xunta de Galicia, e á consellaría non lle abonda xa con falsear información constantemente, senón que tenta evitar que a información real chegue ao coñecemento de quen podemos, e queremos, utilizala na crítica responsable dun sistema que cada curso entorpece máis a inclusión, a igualdade e as oportunidades vitais das nosas fillas e fillos.
Hoxe mesmo vimos de demandar da Consellaría de educación unha reunión na que se defina canto de transparente decide ser a administración educativa galega. E a nosa esixencia e clara: a cidadanía temos dereito a coñecer de xeito inmediato e público que é o que está pasando dentro dos centros escolares, con que recursos se atenden aos nosos fillos e fillas, e onde se lles está furtando o dereito a unha educación de calidade; unha educación que merecen, e que pagamos sobradamente as persoas deste País.
Este é a instrución que se enviou ás direccións dos centros escolares lucenses:
Prezada directora / prezado director:
Este Servizo de Inspección foi coñecedor de que a algunhas direccións de centros estanlles a chegar peticións da ANPA para que lle faciliten datos do número de alumnado total do centro, unidades, alumnado con NEE, con NEAE, etc. Este tipo de datos débense tramitar a través dunha solicitude de información pública, regulada na Lei 19/2013, do 9 de decembro de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de ámbito estatal, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, de ámbito autonómico.
O artigo 26 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, establece que o dereito de acceso á información pública exercerase mediante a presentación da solicitude dirixida á persoa titular do órgano administrativo que posúa a información e sexa competente para resolvela. No ámbito do sector público autonómico educativo de Galicia, esta competencia correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Polo tanto, o centro educativo non debe facilitar estes datos.
No caso de recibir este tipo de peticións, debe vostede responder á persoa solicitante co texto que achegamos (documento “Anexo I_Modelo de resposta”). Pode facilitarlle tamén o modelo normalizado de solicitude (documento “Anexo II_Solicitude normalizada”).
Recordamos que, en virtude do establecido no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, esta solicitude debe presentarse a través do do Sistema Único de Rexistro, dependente da consellería competente en materia de administracións públicas, que está integrado polos rexistros presenciais (o Rexistro Xeral e os rexistros auxiliares) e polo rexistro electrónico. De conformidade co devandito decreto, o centro educativo NON é unha oficina auxiliar de rexistro de documentos, polo que non pode exercer funcións de recepción e/ou remisión de solicitudes, escritos e comunicacións para outros órganos, servizos ou unidades administrativas. Xa que logo, non se pode tramitar este tipo de solicitudes a través das secretarías dos centros educativos.