8M TODOS OS DÍAS
Hoxe é de novo 8 de marzo, diremos de novo o que xa dixemos e sairemos á rúa para que se vexa o que xa se viu outras veces. Porque é necesario. Avanzamos, si, avanzamos. Á velocidade necesaria ? Non, en absoluto. Queren que vaiamos lentas e cuestionadas. De veras avanzamos ?.
Hai demasiadas voces que, dun xeito simple ás veces, elaborado noutras, están facendo ruído nun discurso recesivo; hai novas que se divulgan que din que “hai quen está canso de tanto feminismo”, “hai quen pensa que isto deu lugar a desigualdades”, “hai quen pensa que hai cousas máis importantes”….
Logo tamén hai barulláns que din que todo é mentira, e que non é necesario cambiar nada, que todo está ben, que hai unha orde mundial ben artellada dende hai milenios e que, xa que logo, pode durar outros milenios máis porque a nós, a eles queren dicir, vailles ben.
Pero nós somos nais e pais e falamos de xeito, non dicimos parvadas coma outras, nin atendemos a andrómenas para atraer ás masas, o noso campo de traballo está na casa, o noso obxectivo medra ao noso carón, a nosa pelexa vai sempre por onde ten que ir para que o mundo avance; ou logo non fomos sempre nós quen o fixemos avanzar?.
Nós somos nais e pais, xuntas, como ten que ser, e temos fillas e fillos, e defendémolos agora no seu nome, e no futuro, cando falen por si propias, tamén os defenderemos coa educación que lles demos e pola que pelexamos; pola igualdade coa que traballamos no cotián, e pola que lles esiximos que cumpran, demanden e favorezan. Tamén por lles dicir que hoxe é un día grande, e que a razón pola que o é merece toda a atención e toda a loita.
Vivimos malos tempos, certamente, pero sabemos que temos razón, que a loita das mulleres é a loita dunha sociedade que camiña cara ao compromiso e o benestar das persoas; sabemos que queremos outro mundo diferente para as nosas fillas, e que o compartan cuns fillos, que tamén son nosos, que saiban vivir nun mundo diferente.
Por iso, porque nós non somos barulleiras, porque actuamos e falamos con claridade, hoxe é novamente o noso día, o día no que dicimos que ninguén vale máis que outra, que os dereitos e as arelas son as mesmas para todas as persoas, e que pelexar por iso é pelexar polo auténtico futuro dunha sociedade mellor.
E o resto: ruído, pode ser moito pero só é iso, e non pode variar o noso rumbo.
Avanzamos.