A CANTAS NAIS E PAIS PREGUNTOU A CONSELLERÍA QUE DIRIXE O SR. CONSELLEIRO?
ANPAS GALEGAS ven de presentar un estudo de enquisa que levou a cabo para coñecer o punto de vista das familias sobre a Dixitalización do ensino e o proxecto E-Dixgal. Un traballo rigoroso no que participaron cerca de 4000 nais e pais e das que case 1600 contestaron á parte adicada ó libro dixital E-Dixgal, aquelas cuxos fillos e fillas o teñen implementado nas aulas.
O Sr. conselleiro de Educación despreza o estudo e os seus resultados porque di que a mostra non é representativa, querendo con isto restarlle importancia e subliñando que só contestaron o 3% das familias. Este non é un argumento suficiente para non ter en conta esta contribución. A mostra non é estatisticamente representativa, pois non se empregou un procedemento ao azar para a súa selección, o que non quere dicir que non teña valor científico e social e permita identificar un problema, que a consellería non quere ver os estudos de enquisa con mostras non aleatorias son moi habituais, o que non o é tanto é poñelos en cuestión, sobre todo cando non hai outro estudo que soporte a crítica expresada. Neles responden as persoas que queren, -sexa a promotora unha confederación de ANPAS ou a administración-, polo que a mostra non é ao azar.
O lamentable non é a mostra desta enquisa, senón que despois de dez anos a Consellería que goberna non fora quen de facer un estudo avaliativo serio deste programa. ANPAS GALEGAS, a pesar das limitacións e trabas sistemáticas ,está a facer o que a propia administración non asume.
Non nos enganemos Sr. Conselleiro, a consulta de ANPAS GALEGAS permite identificar patróns claros na valoración das familias sobre Edixgal. O seu desprezo evidencia o descaro co que xustifica a súa falta de diálogo e de intención de mellorar o ensino público.
Señor Conselleiro, 1600 persoas respondendo, xa son 1600 máis que as que foron consultadas pola súa consellería que é a que ten a responsabilidade de facelo, pero mellor non preguntar para non ter que escoitar a resposta, non si?.
O que a consellaría fixo foi tentar lavar a súa ineptitude cun estudo “interno”, no que chega á conclusión de que E-dixgal obtén tan bos resultados académicos como antes de implementarse; xa sería o colmo que os resultados foran peores. Como xa dixemos daquela, tanto investimento, tanta propaganda e tanto esforzo por parte de familias e alumnado para non avanzar nada? Ese é o seu argumento para defender o seu plan de dixitalización? Un plan que non mellora os resultados formativos e do que temos indicios de que non desenvolve a Competencia Dixital do alumnado. Se así fose, cal é a razón pola que nunca se empregan evidencias acerca dos beneficios da proposta para o noso alumnado? Cal é a verdadeira contribución de E-Dixgal?.
Deixe de menosprezar o traballo serio e transparente que fan as representantes das familias e póñase a traballar, en primeiro lugar sentándose a dialogar con quen lle levamos adiantado o paso e que estamos dispostas a unha constante colaboración; en segundo lugar entendendo que as familias non falamos, como vostede, por intereses sectarios, senón pola mellora do futuro das nosas fillas e fillos, eses que están presos dun sistema que ninguén avalía, ninguén xustifica, e, desgraciadamente, semella que ninguén quere.