ANPAS GALEGAS comprométese co galego.
En ANPAS GALEGAS sabemos que existe un problema co uso, coñecemento e transmisión do noso idioma; é a nosa obriga actuar antes de que a desaparición da lingua sexa unha realidade, por iso acordamos desenvolver un compromiso firme pola promoción e uso do galego en todos os ámbitos da vida.
A lingua é a nosa identidade, a base da nosa cultura e a base do noso futuro, e é traballo de toda a sociedade reverter a situación actual, porque o cambio nas políticas lingüísticas debe ser unha prioridade de todas.
Especialmente nós, como familias galegas, temos a responsabilidade de facer todo o posible para que a nosa lingua sexa a das nosas fillas e fillos.
Este é o noso compromiso:
- Utilización do galego como única lingua na que se crearán e difundirán contidos, tanto escritos como verbais.
- En xeral, só se difundirán as actividades e/ou propostas que veñan redactadas en lingua galega. De non ser así, informarase desa esixencia para a difusión.
- Só se difundirán e compartirán as ofertas, traballos e publicidade de empresas e organizacións galegas se veñen redactados en lingua galega. Cando se reciba documentación noutras linguas solicitarase o uso do galego, e informarase de que é unha condición que impoñemos para a difusión.
- A formación que imparta ANPAS GALEGAS, tanto se se realiza directamente coma se se contrata con empresas externas, realizarase exclusivamente en galego.
- A edición de material, guías, etc farase unicamente en lingua galega.
- Realizaranse campañas periódicas de promoción da lingua galega nas nosas redes sociais. Inicialmente faranse nos meses de outubro e marzo de cada curso.
- Os concursos que se organicen dende a confederación terán nas súas bases a obrigatoriedade de utilización da lingua galega de xeito exclusivo.
- Esixirémoslle aos medios de comunicación o respecto á lingua que utilicen as nosas representantes, que será sempre o galego, nas transcricións escritas que realicen das nosas declaracións.
- Participación activa na Plataforma “Queremos Galego”.
A continuación o documento completo do Plan de mellora da situación do galego.