ANPAS GALEGAS consegue que o seu estudo sobre dixitalización e E-Dixgal serva para que se faga unha avaliación do programa E-Dixgal
ANPAS GALEGAS acudimos o pasado 27 de febreiro á escoita da sesión plenaria no Parlamento de Galicia, na que se debatía a necesidade de facer unha avaliación obxectiva do programa E-Dixgal, a instancia do Bloque Nacionalista Galego.
Na comisión 4ª , Educación e Cultura, Cristina Fernández Davila presentou en pleno os resultados da enquisa realizada por ANPAS GALEGAS sobre Dixitalización no ensino e E-Dixgal, enquisa na que participaron sobre 3800 familias das catro provincias do país. Precisamente sobre este programa incidiu a portavoz do BNG na necesidade de realizar unha avaliación obxectiva do mesmo dado que tras once anos da súa implementación non foi nunca obxecto de revisión e queda constatada a insatisfacción das familia con dito programa de ensino dixital.
ANPAS GALEGAS decidiu realizar este traballo porque E-Dixgal sempre suscitou dúbidas e reticencias por parte de familias e profesorado desde a súa implantación, pero ao longo do curso 23-24 temos asistido en todo o noso pais á extensión deste malestar polo emprego deste programa nas aulas, e coincidimos coa parlamentaria o dicir que: “ a dixitalización non pode ser un fin en si mesmo, senón unha ferramenta ao servizo da calidade educativa”.
A parlamentaria tomou man dos datos do informe publicado por ANPAS GALEGAS sobre Dixitalización no ensino e Informe E- Dixgal, dito informe conclúe que as familias rexeitan de forma clara que os recursos educativos dixitais deban ser os principais na aula, denuncian a falta de información e participación no proceso de implantación, e puxo en evidencia a falta de avaliacións institucionais sobre E-Dixgal.
Esta iniciativa foi aprobada por unanimidade dos grupos parlamentares o pasado día 28 de febreiro. ANPAS GALEGAS congratulámonos do traballo feito, pero sobre todo a nosa satisfacción radica en que este traballo, que non debera ser iniciado a instancia das familias, acade a unanimidade na sesión plenaria, coa esperanza de que se corrixan os erros e a dixitalización no ensino se faga de forma seria, responsable e corresponsable.
