2 DE ABRIL. DÍA DA CONCIENCIACIÓN SOBRE AUTISMO
#Somosinfinitas
E isto significa que non hai dúas persoas con autismo iguais. Cada persoa con autismo ten as súas propias características, fortalezas, intereses, capacidades e necesidades. Cada persoa é única e precisa uns apoios especializados e individualizados, adaptados a cada etapa do seu ciclo vital.
As persoas autistas existen e queren participar nas decisións que afectan ás súas vidas.
En España, 1 de cada 100 persoas é autista e a sociedade aínda non entende, aínda non comprede ben o autismo. E isto ten que mudar.
Este cambio, esa necesidade de mudar ten que partir das Administracións Públicas, que deben ofrecer apoios de calidade adaptados ás necesidades en cada momento das súas vidas; garantir que sempre haxa diñeiro para ofrecer estes apoios e acabar coas barreiras que fan difícil que as persoas con autismo desfruten dos servizos públicos.
E para iso, non se poden aplicar políticas de recortes, sobre todo no ámbito sanitario e o ámbito educativo, pois a rapidez na diagnose vai permitir que unha persoa autista teña os mesmos dereitos ca calquera outra persoa. Así se recolle ata na Constitución Española.
E sobre todo, no ámbito educativo, non pode prevalecer unha política de recortes, que castiga sempre e en maior medida ao alumnado máis vulnerábel . No presente curso asistimos á crúa realidade de como o alumnado NEAE e NEE, entre os cales se inclúe o alumnado con autismo, chegado setembro, se atopou con que os apoios necesarios de profesorado especialista e persoal coidador lle fora arrebatado así sen máis, por imperativo legal e porque se reduce o alumnado a números en vez de tratalo coma persoas. E cada persoa é única, con capacidades, fortalezas e tamén eivas diferentes. Non se pode excluír a ninguén porque a sociedade na que vivimos é unha sociedade diversa. Temos que convivir todas e isto, é enriquecedor. Mal nos iría se todas fosemos iguais.
As persoas autistas son persoas con infinitas posibilidades e precisan un mundo de posibilidades infinitas