COMUNICADO SOBRE A NEUTRALIDADE IDEÓLOXICA
En ANPAS GALEGAS esiximos unha explicación ao conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e FP sobre a nova que publicou a consellería esta mañá sobre as instrucións para o
vindeiro curso na que fala de “neutralidade ideolóxica”.
Queremos facer fincapé nalgúns principios da LOMLOE onde se fala de valores que favorezan a
liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a
igualdade, o respecto e a xustiza, a educación para a convivencia, o fomento do espírito crítico e da
cidadanía activa ou a sustentabilidade ambiental por poñer algúns exemplos.
En que quedamos? Educamos para fomentar todos estes valores ou educamos para todo o
contrario?, para que os cambios sociais non se traten nos centros de ensino, nin as inxustizas
sociais, nin a situación dos desprazados polos conflitos bélicos, nin os centos de persoas que morren
cada ano no Mediterráneo buscando unha vida mellor ou nas nenas e nenos que morren de fame na
Franxa de Gaza porque a política internacional non é quen de evitalo.
Igual é que esta consellería non ten clara a diferenza entre desenvolvemento de espírito crítico que
só é posible vivindo coa realidade e adoutrinamento que só é posible anulando o espírito crítico, a
liberdade de calquera manifestación do alumnado e do profesorado. Porque de adoutrinamento si
que non pon nada a LOMLOE.
E xa que falamos de “neutralidade ideolóxica”, si que debera estar garantida no currículo escolar,
talvez as relixións non deberían figurar aí.
É certo que a nova da consellería refírese principalmente ás actividades complementarias pero
irremediablemente están vencelladas á actividade lectiva, entón como o temos que entender? O que
non se poda tratar nesas actividades complementarias é que tampouco se trata na actividade lectiva.
Estanse limitando os principios básicos da lei de educación.
ANPAS GALEGAS queremos que as nosas fillas e fillos formen unha cidadanía responsable,
respectuosa e consciente da súa sociedade e por suposto, crítica porque é a crítica a que promove
os cambios e a que fai evolucionar unha sociedade.
Se non somos quen de transmitirlles eses valores estaremos fracasando na nosa labor educadora
como nais e pais e tamén como sociedade.












