A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN ELIMINA RAOGAL: OUTRO PASO ATRÁS NA ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, foi quen lle anunciou o pasado 30 de xullo ás persoas responsábeis das Unidades de Acompañamento e Orientación persoal e familiar a finalización do servizo RAOGAL (Rede de Acompañamento e Orientación ao alumnado de Galicia).
E faino do xeito que mellor se lle dá facer as cousas: rematado o mes de xullo, en pleno verán, cos centros educativos pechados, familias desconectadas e equipas docentes sen capacidade de reacción.
Asistimos pois a un novo recorte no ensino público galego. E unha vez máis o alumnado máis perxudicado é o alumnado máis vulnerábel. Centos de alumnos e alumnas con necesidades de apoio educativo son deixados de lado pola Consellería de Educación presidida por Alfonso Rueda.
A realidade social e educativa mudou moito nos últimos anos: a diversidade do alumnado é maior, os centros educativos afrontan unha crecente complexidade nas súas funcións, e as demandas en termos de atención personalizada, saúde mental, integración ou xestión emocional están moi por enriba do que se podía prever hai anos atrás.
Non se pode admitir que a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa alegue falta de orzamento para a desaparición deste programa.
O programa RAOGAL foi concebido e posto en marcha dependendo de fondos europeos temporais. Unha vez máis amósase a falta de vontade política para construir un sistema educativo sólido e con vsión a longo prazo. Asistimos, unha vez máis, a unha política de parches e recortes.
Este recorte supón deixar á deriva aos menores acollidos ao programa e ás súas familias, tanto a nivel académico como por vulnerabilidade socioeconómica, ou por cuestión de saúde mental. RAOGAL contribuía tamén á inclusión de alumnado migrante e acompañamento do alumnado da FP Básica.
RAOGAL actúa como importantísimo nexo de comunicación e apoio integral entre o centro educativo, a súa contorna e a súa adaptación ao medio educativo e social.
Así o dato, e sen nada máis saber, (non se lle comunicou ás dirección dos centros afectados para canto máis sabérmolo as familias), ás familias xórdennos moitas dúbidas e inquedanzas: Cando van saber as familias que desaparece esta rede de apoio dos centros educativos?, Quen e como se van xestionar os trámites iniciados ao alumnado? , Que entende a Consellería de Educación por atención á diversidade e inclusión educativa?, Que fixo cambiar de parecer ao señor Rueda, quen no mes de xuño anunciou a continuidade do RAOGAL?.
Eliminar RAOGALe non ofrecer unha alternativa vai totalmente na contra do que o sistema educativo precisa: unha inclusión real, cos recursos humanos e materiais suficientes para o desenvolvemento e a igualdade de oportunidades.
ANPAS GALEGAS pedimos que a Consellería de Educación rectifique na súa decisión porque é o seu labor ofrecer un ensino público galego integrador e inclusivo para todos e todas.












