Ciclo de formación en liña para ANPAS

Iniciamos un novo ciclo formativo en liña en ANPAS GALEGAS. Nos meses de outubro, novembro de 2025 e xaneiro de 2026, convocamos ás persoas interesadas a participar nestas reunións informativas en liña, nas que falaremos da parte máis aburrida -pero absolutamente imprescindíbel- das ANPA: quen pode ser socia, como hai que facer unha convocatoria e unha acta, que limites fiscais ten a nosa actividade…
Cales serán os contidos?
O programa de formación de este ano é o seguinte:
- 7 de outubro: Participación das familias na xestión dos centros: Consellos Escolares, que son e como funcionan.
- 15 de outubro: Participación nas ANPAS: xestión dos libros de socias e toma de decisións.
- 23 de outubro: Xestión da documentación nas ANPAS. Elaboración e accesibilidade das actas.
- 28 de outubro: Xestión de fondos nas ANPAS: a tesouraría. Obrigas contables e xestión de recursos económicos.
- 4 de novembro: Os impostos e a fiscalidade na xestión das ANPAS.
- 11 de novembro: Seguros para as ANPAS: obrigatorios, necesarios e dubidosos.
- 18 de novembro: Protección de datos que manexamos nas ANPAS. Até onde hai que chegar e como hai que respectalos.
- 25 de novembro: Xornada de remate: resumo da formación realizada, dúbidas máis comentada e resposta
- 16 de xaneiro: Convivencia escolar: organización da convivencia no centro, formas de participación, infraccións e consecuencias das mesmas.
Como se estructura cada sesión?
A estrutura das reunións é moi sinxela: falaremos un anaco do tema que nos ocupe en cada día, e logo deixaremos toda a marxe posíbel para a participación, o plantexamento de preguntas, e a resolución de dúbidas entre todas. A nosa intención é que falemos, mesmo que discrepemos se é necesario, porque da discrepancia sempre sae un maior coñecemento.
Canto dura unha sesión?
Estaremos entre unha hora e media e dúas horas, dependendo das gañas que teñades de falar e preguntar.
Quen pode participar?
Poden participar todas as persoas do mundo das ANPA que estean interesada. Tanto ten que pertenzan ou non á nosa organización, serán benvidas igualmente, e alegrarémonos da súa presenza e invitarémolas a xuntarse ao noso proxecto.
A todas as participantes háselle facilitar a documentación escrita do que alí se expoña, para que poida ser consultada por elas sempre que o desexen.
Inscricións
Para inscribirse consulta as nosas redes para atopar a ligazón das sesións formativas.
Saber como hai que facer as cousas simplifica enormemente o traballo dunha asociación, e permite dedicar o pouco tempo que temos ás cousas realmente importantes; por iso formarse é un tempo ben gastado, animádevos a asistir e a partillar.












