Todas somos Gaza
As asociacións de nais e pais temos a nosa razón de ser na vontade de mellorar a educación das fillas e fillos de todas e de prepararlles o que virá. Coma sempre foi, traballamos no presente para que as que veñan detrás teñan unha vida mellor e un mellor futuro. Por iso, todo o que ocorra nos interpela, todo forma parte do noso interese, e todo é educación das nosas fillas, e por iso podemos falar de calquera cousa, mais non só iso: por iso debemos falar de calquera cousa. Non só das que están nos libros de texto ou nos currículos; porque educar non é só transmitir contidos, aínda que sexa importante,- xa que racha coa ignorancia e é crave para desenvolverse libremente-, senón tamén é ensinar valores: igualdade, solidariedade, e xustiza. Educar é acompañar na formación académica pero tamén na social, cultural e política. E por iso temos que falar de Gaza, do xenocidio que alí se está a cometer, e da nosa fonda, absoluta e rotunda denuncia do que alí se fai, e tamén do que aquí se consinte coas palabras ocas e a inacción xeneralizada de quen debería, aquí non o fai, representarnos. En Gaza non só están a morrer persoas coma calquera de nós, nenos e nenas coma as nosas, ilusións e futuros que están desaparecendo minuto a minuto. En Gaza estannos matando a todas, está morrendo o discurso da paz, da empatía, e da solidariedade, está morrendo a educación que lles queremos dar ás nosas fillas, e o futuro limpo que quixeramos entregarlles. En Gaza estase asasinando a bondade, a confianza e a humanidade. Todas estamos en Gaza, sufrindo, pero non deixamos de estar aquí, educando. E para poder deixarlles un mundo mellor ás nosas fillas e fillos, para que elas continúen o que nós lles aprendemos, temos que berrar que non aceptamos o que está a pasar, que non é así como queremos trazar a convivencia, e que se algo queremos para as nosas fillas e fillos é a confianza dun futuro en paz no que caibamos absolutamente todas as razas, as ideas e os desexos; porque queremos estar todas, porque todas somos imprescindibles. As nenas e os nenos teñen que ver que as súas familias temos ideais, razóns para mobilizarmos e forza para demandar cambios sociais que veñan a ampliar a mirada de todas para un mundo máis equilibrado e xusto. Por iso é absurdo pretender neutralidades imposibles, porque non falar é consentir, e consentir é facilitar a barbarie a aquelas que están esnaquizando o xa moi feble consenso social que nos mantiña xuntas como humanidade. Acabar co xenocidio de Gaza é unha prioridade, pero tamén é a mellor lección que podemos darlles ás nosas fillas e fillos; debera ser un orgullo para todas poder contar que nós fixemos algo para impedir que isto continuase, que nós non tivemos medo, nin vergoña en denunciar o despropósito. Cheguemos a onde cheguemos, somos outra voz que di a verdade: as nais e pais galegos non aceptamos o que está a ocorrer, avergoñámonos de quen o permita, e negamos toda a representación a quen non o denuncie.
Porque todas as nenas e nenos do mundo son as nosas fillas e fillos, só con ese pensamento podemos pensar que deixaremos o mundo mellor do que o atopamos. Por iso ANPAS GALEGAS apoia a manifestación do domingo dia 5 de outubro que terá lugar en Santiago de Compostela e outras posibles accións de denuncia do xenocidio en Gaza e en defensa dos dereitos do pobo palestino.












