DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER
É moi triste ter unha efeméride con este motivo, semella que un día propio lle da certa importancia e que é necesario lembrar que temos un “día internacional da eliminación da violencia contra a muller”cando a realidade é que tódolos días teríamos que traballar na eliminación da violencia ata que xa non fora necesario nin marcalo no calendario.
De tódolos xeitos só é unha frase nunha data, como do día sen alcohol e nós, todas e todos, temos que conseguir que sexa algo máis, que non pase desapercibido porque todos os días son o día da eliminación da violencia contra a muller, non hai un día máis importante que outro, non fai falta marcalo no calendario.
Fai falta marcalo na sociedade, nas casas, nos colexios, no traballo, no ximnasio, no bar e en todas partes.
Fai falta marcalo no máis profundo de nós mesmas para non permitir endexamais ningún tipo de agresión contra unha muller, contra nós, nin física nin verbal porque cada vez que calamos ante iso perdemos unha parte da nosa identidade e da nosa dignidade.
Deixámonos polo camiño e por que?
Porque esta sociedade non está preparada para protexer aos seus individuos, porque é máis fácil mirar para outro lado e non implicarse, porque unha agresión mesmamente verbal a unha muller é un problema, evidencia que non é todo tan bonito e de bo rollo, e, por suposto, iso non pode saír á luz. Quen quere un problema na casa, na oficina, en calquera eido?, se todos nos levamos xenial e un comentario despectivo, un insulto, un desprezo… non ten importancia. Non hai sangue.
Pero hai ferida, unha que talvez non cure.
E que lles estamos ensinando ás nosas nenas e aos nosos nenos? Que o que vemos na televisión sobre asasinatos e agresións a mulleres non ten nada que ver con nós, con eles.
Non somos coherentes e non somos capaces de entender nin facerlles entender que a tolerancia a certas condutas leva a esas noticias e a esas terribles estadísticas. A esas familias desfeitas, a esas nenas e nenos sen nai.
A violencia contra as mulleres é unha das peores enfermidades que ten a nosa sociedade e se non acabamos con ela, vai acabar ela con nós. Vainos quedar grande chamarnos sociedade.












