Dende ANPAS GALEGAS apoiamos as mobilizacións das anpas de centros de ensino público galegos contra os recortes en educación que se están organizando estes días.
Queremos denunciar o desleixo total que está sufrindo a educación pública en Galicia. Levamos meses expoñendo esta situación que afecta a todo o alumnado e en maior medida ao alumnado máis vulnerable.
Non se entende, nin nós o entendemos, que se obvie dun xeito tan escandaloso o dereito das nenas e nenos a un ensino de calidade e a un ensino inclusivo, porque non só estamos falando dese alumnado que precisa algún tipo de apoio, e uns especialistas determinados, estamos falando dunha sociedade que ten que ser
inclusiva e que non se vai poder construír sen partir dunha estrutura educativa que aposte pola atención a todo o alumnado.
Moitas ANPAS de centros públicos deste país estanse mobilizando e cando se mobilizan é porque teñen motivos máis que suficientes para facelo, porque queren ser escoitadas e queren eses dereitos para as súas nenas e nenos que veñen contemplados tanto na Constitución, como na LOMLOE como no Decreto que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
Móvense polo máis importante e porque teñen razón.
Falamos de ANPAS de todo o país e falamos de nenas e nenos con nomes, apelidos e dereitos.
Dende esta Confederación demandamos que se lles escoite, que se nos escoite e demandamos tamén que se respecten os dereitos do alumnado por eles e por todos. Non nos podemos permitir deixar a ninguén atrás.
A solución a isto, como a case todo, pasa por unha decisión política, o sabemos todas, así que instamos a que esa solución política se dea e poidamos deixar de saír á rúa a reivindicar por algo que xa é noso.
Mañá, ANPAS GALEGAS, estaremos en Cee coas anpas da Costa da Morte e de Lugo para reivindicar unha vez máis o dereito das súas fillas e fillos a un ensino público de calidade e inclusivo.












